O artista ferrolán, que residiu 23 anos en Brión, dedicoulle este libro “ao mestre Vizoso”, manifestando o seu pesar “porque non chegou a velo, pero dende a súa atalaia estará rindo e vendo este momento”

A sala municipal de exposicións de Brión quedou pequena para acoller onte venres a presentación do catálogo de 360 páxinas editado pola Deputación da Coruña en homenaxe ao pintor Xosé Vázquez Castro, residente no municipio entre os anos 1999 e 2022. Un acto presidido polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín; presentado polo xestor Cultural de Brión, Alberto Álvarez; e no que interviron Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira; e os artistas plásticos e pintores María Xesús Díaz e Antón Sobral Iglesias.
O alcalde Pablo Lago puxo en valor “os 23 anos que estivo vivindo connosco. Un tempo no que Vázquez Castro demostrou ser dese tipo de veciños que todo alcalde quere ter. Xente boa e xenerosa. Unha persoa implicada e comprometida na vida sociocultural de Brión”. Unha implicación que abrangueu moitos punto, entre os que destacan o seu papel como impulsor do certame “Brión Arte”, do concurso de pintura xuvenil “Novos valores” ou os “Encontros coa Arte”, “que se teñen convertido nun dos puntos máis importantes de España de intercambio de coñecementos e experiencias para artistas”. Lago Sanmartín indicou que “este catálogo que presentamos hoxe aquí non é máis que unha pequena mostra de admiración que o Concello que presido e a veciñanza de Brión sentimos por este ilustre conveciño e amigo”.
Pola súa banda, Vázquez Castro comezou a súa intervención amosando a súa satisfacción “por estar de novo nun concello onde me sentín como na miña propia casa”. Tras agradecer a colaboración de todas as persoas que fixeron posible a edición deste libro, con mencións especiais ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e ao Concello de Brión, explicou que este catálogo “é o traballo de máis de dous anos” e sinalou que aínda faltaría unha exposición, “que non se fixo porque son máis de 100 obras, moitas delas de gran formato, e non atopamos un espazo onde realizala”.
Lembranza a Xosé Vizoso
Así mesmo, agradeceu a presenza hoxe en Brión de máis dun cento de persoas, co equipo de Goberno do Concello de Brión á fronte e cunha gran representación do mundo da pintura, a escultura, o deseño, a literatura e a música de Galicia. Entre eles, ducias de artistas participantes nos “Encontros coa arte” impulsados polo propio Vázquez Castro como comisario tales como Veiras Manteiga, Alfonso Costa, Siro… “Este recoñecemento é un agasallo que non vou esquecer. Levareino sempre no meu corazón porque é un regalo dos meus colegas e do Concello de Brión, lugar onde fixen verdadeiros amigos”, momento no que se emocionou e mesmo chegou a chorar ao lembrar que “un deles deixounos recentemente e gustaríame falar del: Xosé Vizoso, do que me resulta difícil falar en pasado”.
Tras lembrar a súa amizada co ilustre deseñador, ilustrador e pintor de Mondoñedo, Vázquez Castro indicou que os debuxos que realizaron xuntos para unha exposición no bar Altamira de Brión están recollidos no catálogo. “É unha pena que non chegou a ver o libro, pero dende a súa atalaia estará rindo e vendo este momento”, indicou o pintor, quen apuntou que o catálogo “está dedicado ao mestre Vizoso” e desexando que “este libro traia moita saúde, moita paz, moito amor e moita liberdade”.

Resto de intervencións
Pola súa banda, Xoán Pastor Rodríguez destacou que “este libro recolle o importante traballo de Vázquez Castro, é a síntese dunha vida no mundo da arte”.
Así mesmo, sinalou que a súa obra “sempre nos produce unha impresión de sinceridade, de intimidade, de coherencia. O espectador empatiza axiña coa súa pintura, percibe as novidades dentro da tradición, o dominio das técnicas, o resplandor dun mundo especial, tan habitable e humano”. Finalmente, indicou que “sensibilidade, técnica segura e limpa, vitalidade e soño sereno, poderían ser boas definicións para definir unha traxectoria artística e humana, unha vida plena chea de beleza, traballo, aprendizaxe…”.
A artista plástica María Xesús Díaz, amiga persoal do homenaxeado e que redactou un dos dous limiares do catálogo xunto a Xoán Pastor, apuntou que “este libro convida a facer un percorrido polas súas vivencias persoais e artísticas. É un proxecto feito co corazón, cheo de sentimento e cheo de arte”. De feito, a súa intervención centrouse en rememorar vivencias conxuntas con Vázquez Castro, aquen definiu como “un artista vital, comprometido coa arte e cos artistas”. En especial, lembrou unha viaxe de artistas a París no 2007, “días enriquecedores empapándonos de arte en toda a súa expresión. Un antes e un despois na súa traxectoria artística”.
Finalmente, o pintor Antón Sobral definiu a Vázquez Castro como “un artista total, que domina moitas técnicas diferentes pero, sobre todo, é unha persoa que comparte”. Así mesmo, lamentou a ausencia dunha asociación forte de artistas en Galicia, sobre todo tendo en conta o gran número existente na comunidade. “Non hai unha historia da arte de Galicia porque ninguén quere escribila”, apunto Sobral Iglesias, quen contrapuxo esa realidade con feito de que “un pobo pequeno como Brión teña tanta importancia na nosa cultura, é algo sorprendente”. Por último, asegurou que este catálogo “é o comezo de moitas cousas, non o final de nada”.
Características do libro
O catálogo “Xosé Vázquez Castro” é un libro de 360 páxinas editado pola Deputación da Coruña e promovido polo Concello de Brión. Maquetado polo propio Vázquez Castro, foi coordinado polo xestor cultural de Brión, Alberto Álvarez, e os pintores José Manuel Nogueira e María Xesús Díaz, autora da introdución. Presentado por Valentín González Formoso, conta cun limiar de Xoán Pastor Santamaría e textos e poemas de Alberto Álvarez, Antón Sobral Iglesias, Eva Veiga, Carmen Torreiro Caridad, Marta Méndez, Manuel Millán, Pablo Lago, Pilar Sampedro, Santiago Doria e Siro.
O libro, escrito en galego e castelán e editado a toda cor, recolle imaxes do arquivo do artista así como dos fotógrafos Enrique Ochotorena e Rafael Arroyo, así como do arquivo do Concello de Brión, Alberto Álvarez e José Manuel Nogueira. Consta de 18 capítulos, os primeiros para narrar a vida deste pintor nado en Ferrol no ano 1951, recollendo a súa infancia e adolescencia, as súas influencias artísticas, a súa paixón pola acuarela, polo teatro e como escolleu a pintura como vocación, así como múltiples recortes de prensa.
Mais a parte máis importante do catálogo é a recollida da súa obra dende 1969 ao 2024, así como unha selección dos seus traballos incluídos na colección de arte do Concello de Brión, os debuxos compartidos con Xosé Vizoso e unha selección dos debuxos realizados por outros artistas para Xosé Vázquez Castro. Un catálogo dedicado aos seus fillos Daniel e Miriam Vázquez Rodríguez, así como a Begoña Conchado, “compañeira e amor da miña vida, nai do noso fillo José Vázquez Conchado”.