Neda afonda dende este xoves na vida e obra de Castelao coa 20 edición das súas Xornadas literarias

Casa da Palmeiras de Neda-archivo

Este xoves arrinca a 20 edición das Xornadas literarias de Neda, organizadas polo Concello, co apoio da Facultade de Humanidades da UDC, e dedicadas este ano á analizar a figura e a obra de Castelao. Recoñecidos expertos en distintos ámbitos pasarán durante estes días pola vila para poñer en valor o legado dun dos intelectuais galegos máis importantes do século XX. Serán dúas tardes de conferencias na Casa das palmeiras, ás que seguirán durante a fin de semana distintas actividades de lecer, buscando chegar a distintos públicos.

O Concello de Neda súmase desta forma á conmemoración do Ano Castelao, cun amplo programa de actividades que incluirá conferencias, un obradoiro de ilustración con Leando Lamas, teatro e ata un espectáculo de narración oral infantil, baseado nun relato do homenaxeado.

Tras a inauguración oficial, prevista para as 18 horas, as integrantes do Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, serán as encargadas de abrir a iniciativa cun primeiro achegamento ao polifacético personaxe. E deseguido, participará o escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu coa súa ponencia “Castelao, desta terra e deste tempo”.

cartel Xornadas literarias Neda castelao

O venres pola tarde, de novo ás 18 horas, será a quenda de Francisco Rodríguez, escritor e crítico literario, que afondará na dimensión política do autor de Os dous de sempre, Cousas, ou Sempre en Galiza. A súa intervención levará por título “Castelao: Galiza con vontade de existir”. O panel de conferenciantes deste día incluirá ademais ao ilustrador e editor Kiko Da Silva (“Todo arte ten patria. Todo arte é froito dalgunha terra”) e a Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora, que vén de reeditar “Arredor de Castelao no século XXI”, e reflexionará sobre o valor literario da obra do ilustre rianxeiro.

Oferta de lecer
Coa fin de semana, a programación cambia de ton e de escenario, trasladándose á Casa da Cultura.

O sábado, de 11 a 13 horas, terá lugar o obradoiro de ilustración “Versioleando ao Castelao” no que as persoas participantes terán a ocasión, da man de Leandro Lamas, de reinterpretar algunha das semblanzas publicadas polo autor. E pola tarde, a partir das 20 horas, o Grupo de Teatro Airiños pon en escena “As vellas non deben de namorarse”, una versión actualizada da peza escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en tempos do seu exilio en Nova York.

A programación das Xornadas literarias de Neda completarase o domingo co espectáculo infantil “Castelao para crianzas”, un contacontos ilustrado e cantado – versión libre do relato O negriño Panchito- para o público infantil, de cinco anos en diante.

Lea también

La Orquesta Sinfónica de Galicia regresa al Auditorio Municipal de Ferrol

La Orquesta Sinfónica de Galicia actúa este jueves 24 de abril a las 20.30 horas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *