O SAF “un xeito de facilitar a vida e a vellez” da veciñanza de Ares

O Departamento de Servizos Sociais de Ares recepcionou a resolución definitiva que cada ano expide a Deputación da Coruña co número de horas totais que adicará, a modo de subvención, para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da vila.

E dentro da resolución do ente provincial, constátase que Ares é o 2o concello de menos de 20.000 habitantes con maior número de horas subvencionadas pola Deputación en toda a provincia da Coruña con 13.000 horas só detrás de Neda. Este último dato, que se centra exclusivamente no programa Básico do SAF aresán, certifica a relevancia desta rede de apoio á veciñanza, concibida como un soporte e desafogo para quen se responsabiliza do coidado continuo da persoa dependente, un coidador/a que tamén se ve afectado por unha forte sobrecarga emocional e física.

“Potenciamos a autonomía dos usuarios o máximo posible”, salienta Victoria Montenegro, concelleira de Benestar, no marco do seu balance, “e se é preciso, en casos urxentes e coa debida valoración técnica, incrementamos dende o Concello as horas para ir máis aló do subvencionado e cumprir coas necesidades que detectamos entre os veciños”.

Na práctica, este primeiro programa Básico presta 14.172 horas ao ano de apoio no fogar, e é a ferramenta máis rápida e eficiente namentres os usuarios agardan á resolución do grao de dependencia, que vén dado pola Xunta de Galicia. “Axudamos a cubrir as necesidades máis urxentes, sobre todo porque a dependencia da Xunta pode tardar ata dous anos en facerse efectiva; non podemos deixar aos veciños sen o SAF, sen axuda para xestionar a súa dependencia, todo ese tempo”, continúa Montenegro.

A gran diferenza no que atinxe ás dúas modalidades do SAF está, principalmente, no servizo durante as fins de semana e festivos; para poder recibir o apoio os sábados, domingos e festivos, é necesario contar coa valoración de Dependencia da Xunta.

MÁIS DE 60.000 HORAS DE APOIO NO FOGAR

Ás 14.172 horas/ano que se prestan no programa Básico é preciso sumar, de cara a completar a panorámica do SAF de Ares, as que se prestan na versión de Dependencia: 47.148 horas/ano.

“Contabilizando as dúas modalidades, falamos dun SAF con máis de 60.000 horas ao ano destinadas a 167 usuarios. Entendemos que a rede de coidados é sólida e impacta directamente no benestar das nosas persoas usuarias”, fai fincapé Victoria Montenegro. Para a concelleira de Benestar, o obxectivo último do SAF é claro: “intentamos facilitar a vida e a vellez. Que a xente maior ou dependente poida estar cerca da súa familia e relacións sociais, na súa contorna coñecida, e con certa autonomía. E temos que ser conscientes de que a tendencia demográfica, cunha sociedade cada vez máis envellecida, leva a ampliar máis este servizo de acompañamento e coidado. Por iso facemos todos os esforzos posibles dentro do Concello, sabemos da súa importancia”.

En termos económicos, o SAF executou en 2024 un orzamento entre o programa Básico e o de Dependencia de 1.091.136 euros, asumidos entre tres administracións –o Concello, a Xunta e a Deputación– e o copago dos usuarios; un investimento orientado a previr situacións de exclusión social  dependencia, manter e mellorar as redes de relación familiares e sociais,
posibilitar a permanencia das persoas en Ares e, en resumidas contas, coidar das persoas.

“É unha cuestión de solidariedade. Cando comezamos, había no SAF 30 usuarios e usuarias. Agora nos achegamos ás 170 persoas beneficiarias. Para nós é importante manter unha actitude aberta: dende o Concello temos a predisposición a axudar no que se poida”, conclúe Victoria Montenegro.

Lea también

Noventa niños participan en el campamento Neda concilia

El Ayuntamiento de Neda ha puesto en marcha este lunes el campamento de verano “Neda …