O Concello de Fene vén de pechar o prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto de renovación do alumeado público e da rede semafórica municipal. Trátase dun investimento de 702.347,08 euros que se executará en dous lotes: un para a modernización da rede semafórica e outro para a mellora da eficiencia enerxética en 732 puntos de luz repartidos por todo o municipio. Ao peche do prazo, presentáronse 23 empresas ao lote de alumeado e 6 ao correspondente ás instalacións semafóricas.
As actuacións están financiadas ao 100% a través dunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), no marco do Programa de Proxectos Singulares de Alumeado Municipal, con fondos da Unión Europea. A axuda será reembolsable en función do aforro acadado e sen xuros, converténdose nunha das maiores achegas conseguidas polo Concello de Fene en materia de eficiencia enerxética.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, salientou que “esta foi unha convocatoria moi competitiva, na que foron poucos os concellos que lograron acceder ao financiamento. Para Fene, esta axuda supón un salto de calidade que nos permitirá modernizar o sistema sen custes para a veciñanza, xa que se pagará co propio aforro que se xere”.
O proxecto contempla a redución da potencia instalada de 87,23 kW a 20,49 kW e a diminución do consumo anual de enerxía dos 357.518 kWh actuais a 41.818 kWh. Este aforro traducirase nunha rebaixa do custo enerxético de 101.337,61 € a 11.880,06 € ao ano, o que supón unha redución do 88,3% no gasto anual.
Ademais da substitución de 732 puntos de luz puntos de luz por tecnoloxía LED de alto rendemento, instalarase un sistema de telexestión que permitirá programar horarios e niveis de intensidade lumínica, ademais de detectar avarías en tempo real. “Imos dar un salto tecnolóxico moi importante, reducindo a contaminación luminosa, as emisións de CO2 e mellorando a eficiencia na xestión”, engadiu o alcalde.
A distribución destes puntos repártese do seguinte xeito: 89 na Estrada da Palma; 115 no Cemiterio Municipal de Barallobre e a súa contorna; 75 na Estrada de San Marcos; 66 na Rúa Travesa; 67 na Fonte Nova – Sartego e 85 nas inmediacións do Polideportivo A Xunqueira e Paseo Marítimo.
No tocante ao lote 1, que inclúe a renovación da rede semafórica completa (235 puntos de luz), desde o Concello recoñecen que a infraestrutura actual ten xa varias décadas e resulta totalmente obsoleta, facendo imposible atopar repostos. “Co novo sistema, ademais de mellorar a visibilidade e a seguridade viaria, asegúrase un funcionamento estable durante moitos anos”, apuntou Trigo.
Unha vez resolto o proceso de avaliación das ofertas e realizada a adxudicación definitiva, as empresas disporán dun prazo de seis semanas para a renovación semafórica e de cinco meses para o cambio da rede de alumeado público.
Desde o Concello sublíñase que estes proxectos, financiados con fondos europeos, levan aparellados procedementos administrativos e técnicos complexos que requiren tempo, pero que permitirán dotar a Fene dun sistema de iluminación máis eficiente, moderno e sostible.