Convidada polo centro valdoviñés, participou no proxecto sobre a tradición galega oral que impulsa o cole durante este curso.

A tradición oral galega centra este ano a programación por proxectos que segue o CPI Atios de Valdoviño, e o xoves o cole contou coa visita dunha das voces máis importantes da música galega dos últimos anos, a de Mercedes Peón, autora de autoestima cultural e virtuosa da pandeireta.
Que non fai música tradicional, senón que a vive, e que cando toca, o instrumento pasa a formar parte do seu corpo. Calquera, porque non hai instrumento que non lle guste. Durante semanas, o alumnado de Educación Primaria e de Secundaria traballou as súas cancións nas clases de música, e tamén nas aulas preparou diverso material sobre ela en formato vídeo, mural e mesmo libro ilustrado dunha das súas melodías que, xunto a unha funda de pandeireta personalizada e unha lámina elaborada por artesáns locais, lle entregaban como agasallo.


Pola mañá, Mercedes Peón foi dando resposta a todas e cada unha das preguntas que lle foron formulando os alumnos de Primaria. Repasou o seu labor de investigación e recuperación da música tradicional galega por todo o territorio, falou da súa inspiración, dos seus traballos discográficos, dos seus concertos… Asegurou que estuda música e toca calquera instrumento por puro pracer, e que agora anda enredada co piano.

Reivindicou a súa responsabilidade na defensa da lingua galega para contribuír á súa supervivencia porque se resiste a que desapareza e de aí a súa música resistente. Contou que levou a súa música a máis de 400 festivais internacionais de todo o planeta. Que de nena quería ser moitas cousas, entre elas bailarina. Que deu o seu primeiro concerto con 13 anos, na Coruña e sen micro. Citou Isué como o seu tema máis enerxético e Non me mires como o máis delicado… e prometeu revolución e revolución conseguiu trala rolda de preguntas, convidando ao alumnado de Primaria a acompañala na súa melodía, e ao de Secundaria, a seguila nos pasos de muiñeira que se botaron ao ritmo das pandeiretas que tocaron algúns alumnos. Unha experiencia que, sen dúbida, non esquecerán.