A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ofrece durante esta Semana Santa dous itinerarios guiados en autocar para explorar a rica xeoloxía e paisaxe do Xeoparque. As rutas, que se celebrarán o venres 18 de abril e o domingo 20 de abril, estarán guiadas polo doutor en Xeoloxía Francisco Canosa e inclúen traslados en autocar e seguro para todos os participantes.

XeoRuta da Costa – Venres 18 de abril, de 10:00 a 14:30
O venres 18 de abril, a XeoRuta da Costa permitirá aos participantes percorrer a costa de Loiba, onde descubrirán os vestixios dun antigo vulcanismo que data de hai millóns de anos. A ruta ofrecerá unha explicación detallada sobre a evolución da morfoloxía costeira e contará con paradas en puntos de gran interese, como a praia de Fornos, famosa polas súas areias de granate, un material único na península ibérica.
Ademais, en Chao do Monte, os participantes gozarán dunha vista panorámica única de Santo André de Teixido, e aprenderán sobre as rochas do manto terrestre, normalmente situadas a 70 quilómetros de profundidade. Tamén se poderá observar a descontinuidade de Mohorovičić, un fenómeno xeolóxico case único en Europa.

XeoRuta do Interior – Domingo 20 de abril, de 10:00 a 14:30
O domingo 20 de abril, a XeoRuta do Interior levará aos participantes a Pico Ferreira, onde se descubrirá a orixe do Val do Río Xuvia e a formación xeolóxica deste entorno interior do Xeoparque. A ruta tamén incluirá unha visita aos muiños de Loureiro, situados ao redor de fervenzas naturais, onde se explicará como se aproveitou a enerxía hidráulica para a súa instalación.
Ademais, os participantes poderán coñecer unha canteira histórica onde se extraeu toelo, un material utilizado tanto na ornamentación como na industria do aceiro. A visita explicará a orixe e composición deste material xeolóxico.
Información adicional. Data e horarios:
XeoRuta da Costa: Venres 18 de abril, de 10:00 a 14:30 (Punto de encontro enlace: Localización).
XeoRuta do Interior: Domingo 20 de abril, de 10:00 a 14:30 (Punto de encontro enlace: Localización).
Prezo: 18€ por persoa (inclúe traslados en autocar, guía especializado e seguro).
As inscricións deben realizarse a través da páxina web oficial no enlace: www.xeoparquecaboortegal.gal. As prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a inscrición con antelación.