O artista fenés Gael Ares disputa a final do concurso ‘Quero Cantar’ 2025

Dende moi pequeno, o fenés Gael Ares prefería un instrumento musical a calquera outro xoguete. E antes mesmo de ir á escola, participaba xa en actividades musicais. Foi o caso do obradoiro no que estivo con tan só catro anos impartido por Davide Salvado. Un artista que o apadriñou e mesmo o convidou a subir con el ao escenario en varias ocasións.

Fuente Diputación de A Coruña/Gala Quero Cantar 2024

Agora, con só 11 anos, Gael Ares conseguiu facerse un oco na próxima final do Concurso Quero Cantar da área de Cultura da Deputación da Coruña. A súa peza titulada ‘Bule-bule’, que mestura a música tradicional coa música electrónica, foi elixida como finalista por un xurado tradicional integrado, entre outros, polas Tanxugueiras.

Alén da súa traxectoria autodidacta con varios instrumentos, Gael ares comezou a estudar música máis formalmente con oito anos no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.

Oitava edición do Quero Cantar

Son xa oito coa deste ano as edicións que suma o Concurso de música infantil e xuvenil ‘Quero Cantar’ da Deputación da Coruña. Un certame xa consolidado que ve como participantes das súas primeiras convocatorias vai facéndose oco nos escenarios.

A complexa selección de entre todas as propostas participantes das que subirán este domingo ás táboas do Teatro Colón correspondeulle nesta ocasión ás Tanxugueiras, auténtica revolución na música tradicional galega, a Hugo Guezeta, un dos rapeiros e letristas máis importantes do panorama musical galego, e a Jose Carballido, compositor, cantante e guitarra en proxectos como A Sombra dos Soños ou Khitara e quen xa ten conseguido o éxito no concurso con alumnado do CEIP de Caión, onde imparte docencia musical.

Mais logo da decisión do xurado profesional na fase previa, a quenda pasa agora a un xurado infantil e xuvenil, formado por alumnado con coñecementos musicais das mesmas idades que os participantes, e integrado neste caso por alumnas e alumnos betanceiros, chegados da Escola Clave de Fa e do Conservatorio Municipal de música «Carlos López García-Picos».

A gala final vaise celebrar este domingo 6 de abril ás 18.oo horas no Teatro Colón da Coruña.

A asistencia a esta gala é de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com). O evento será conducido pola actriz e contadora Soledad Felloza.

Finalistas na categoría infantil

Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos Gael Ares, de Fene; The Escarabots, de Boiro; e Libres, de Ourense:

Libres é un grupo formado por Alejandra, Lola, Eiden, Enzo, Sandra, Isabella, Paula, Hugo, Andrea, Elías e Sara, alumnado do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, coa peza titulada ‘Libre’, da autoría do docente Anxo Fernández. Así nos contan sobre ela: “Para nós, ‘Libre’ é unha canción que trata de poñerse no lugar do outro. A frase que máis representa esta idea é: “eu son ti”. Tamén nos gusta a idea de que todos somos especiais, máxicos, libres, grandes. Queremos que esta mensaxe chegue a todos os espectadores do Quero Cantar e oíntes da nosa canción porque é unha mensaxe moi importante”.

Gael Ares, de Fene, ten 11 anos e dende cativo os seus xoguetes preferidos foron os instrumentos musicais. Ten especial devoción pola música tradicional galega, coa que na actualidade experimenta fusionándoa coa música electrónica, como é o caso de ‘Bule-bule’, a peza que presenta a concurso. O seu artista preferido era Davide Salvado, a quen coñeceu nun obradoiro con só catro anos. Davide permitiulle acompañalo no escenario en varias ocasións. Con 8 anos comeza a estudar música no Conservatorio de Ferrol, contando finalizar neste curso o grao elemental de contrabaixo. Tamén toca toda a percusión tradicional, ademais da gaita, desde os 5 anos, asistindo a clase con Dani Bellón.

The Escarabots colle nome do CEIP de Escarabote (Boiro), onde estudan Nerea, Daniela, Xiana, Adriana, Iago, Ernesto, Aitana e Sarela, o alumnado integrante do grupo. Canda eles, o mestre de música do centro, Diego Bello Magán, compositor desta peza, ‘Agora sei nadar’ e membro da Asociación Madixiga, coa que é autor de varios libros sobre ensino musical. O tema fala da superación do acoso escolar por parte dun neno/a da idade do alumnado. Pretende unha mensaxe positiva, superando as dificultades desde o amor propio. A composición está realizada para voces escolares, baixo eléctrico, piano, guitarra, batería e violíns, instrumentos que abrangue o alumnado integrante do grupo.

Finalistas na categoría xuvenil

Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas de “Escribe as túas propias cancións”. Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. Ao longo do proceso, exploraron ideas, experimentaron con letras e melodías, e conseguiron plasmar as súas emocións nunha canción orixinal. A súa creatividade e implicación foron fundamentais para dar forma a unha peza que reflicte a súa visión artística e evolución musical. Este proxecto permitiulles non só expresarse a través da composición, senón tamén reforzar a súa confianza e ilusión pola música. Esta peza, ‘Preto de ti’, reflicte a súa visión artística e evolución musical.

WildFire, grupo rock con trazas do grunge e do metal, está formado por Uxía García Carneiro na voz, Nora Lora Castro na guitarra eléctrica, Maya Sáez Sandoval no teclado e Uxía Romero Yáñez na batería. Estas catro rapazas estudan 3º da ESO no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Neste instituto coñecéronse e en 1º e 2º da ESO comezaron a tocar no club de música do instituto, un espazo onde aqueles estudantes con intereses musicais xúntanse e comparten vivencia s en torno á música, dando concertos por colexios e institutos da zona. A estrea do seu grupo realizouse na festa de Entroido do IES, gañando o concurso e tendo que aturar a crítica dalgúns rapaces que sostiñan que a vitoria estivo condicionada por ser un grupo composto integramente por mulleres. Esta polémica provocou a composición do tema Ladroas co que agora se presentan ao concurso Quero Cantar 2025. Queren demostrar que a súa capacidade e entusiasmo non entende de xénero.

Interestelares é un grupo formado en Cangas do Morrazo por Loaira, Tomé, Martín e Leire, que na edición anterior do Quero Cantar xa conseguiron o segundo posto na categoría xuvenil. A amizade, compromiso social, amor pola lingua e cultura propias ou a natureza, son temáticas que inspiran a música da banda expresada no seu pop-rock. As súas primeiras actuacións públicas foron en eventos da zona como a Festa da Queimada do Hío, o Area e Folk de Vilariño e o festival Son do Nadal en Cangas. Son totalmente autónomos no proceso creativo e empregan sempre a lingua galega. Nos tres anos de vida do grupo, apréciase xa a evolución e madurez dos artistas individualmente e como grupo, froito da experimentación o traballo colectivo e a ilusión. Nesta ocasión presentan a peza ‘Vai calor’.

Lea también

Artistas gallegos en la 6º Bienal Internacional de arte de Gaia

El 5 de abril  se inaugurará la 6 Bienal Internacional de Arte de Gaia en la Quinta da …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *