O recinto feiral de San Ramón volveu encheuse de xente con motivo da celebración da VII Feira do Queixo de Moeche, unha cita que xa está consolidada no calendario de feiras gastronómicas e que reúne a persoas chegadas de toda a comarca e do resto de Galicia arredor deste produto, un dos máis representativos da artesanía gastronómica da zona.
Desde as dez da mañá numeroso público probou e mercou nos 33 postos dedicados ao queixo das diferentes variedades, desde a produción propia de Lácteos Moeche e a dos municipios próximos -Queixos Sanjurjo, Queixos Brigantia, Queixerías do Eume, O Casal ou Campo Capela- ata as chegadas desde o resto de Galicia e do estado Español, con queixerías de Guipúzcoa, Cantabria, Zamora, León, Badajoz, Valladolid, Ciudad Real e Asturias, de onde é a convidada este ano: Asiegu, a única ecolóxica da Denominación de Orixe Protexida Cabrales. Tamén houbo representación do queixo francés.
As catas comentadas de Alejandro Montes, da Queixería Marqués de Valladares de Vigo, reuniron a numeroso público interesado en coñecer a opinión dun experto sobre algúns dos queixos que se podían atopar na feira. Pero no evento vendéronse tamén outros produtos de artesanía alimentaria. Pan, embutidos, chocolates, galletas, zumes, marmelos ou mel tiveron o seu protagonismo neste evento que é xa cita ineludible para moitas familias. Así, o programa inclúe desprazamentos en tren desde Ferrol e obradoiros para os máis pequenos da casa, que hoxe tiveron a oportunidade de aprender a elaborar queixos e a facer flores con follas de millo.
Entre as persoas asistentes, as máis afortunadas levaron para a casa un lote de produtos da feira, xa que se fixeron dous sorteos entre quen realizaron compras ao longo da xornada. A parte musical correu a cargo de Cantaberneiros, e houbo espazo tamén para a maxia co espectáculo de Dani García.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mostrouse moi satisfeita co éxito da feira e co público que encheu as naves do recinto de San Ramón durante toda a xornada. Os produtores trasladaron á rexidora que venderon moiơsimo, as zoas de aparcamento quedáronse pequenas e tamén o Tren do Queixo que trasladou ao público desde Ferrol. Tamén se cubriron todas as prazas nos obradoiros infantis e nas catas.
Co éxito desta sétima edición, o Concello de Moeche ten xa a vista posta na do vindeiro ano, na que sen dúbida haberá máis novidades para que a feira conƟnúe a medrar e a facer desta localidade unha referencia para as persoas afeccionadas ao queixo. Segundo Beatriz Bascoy é posible que o ano que ven a feira se complemente con algunha exposición de animais en vivo, sobre todo para que os máis pequenos saiban de onde ven o leite co que se fai o queixo, que haxa máis obradoiros e máis espectáculos.
Desde Lácteos de Moeche, a queixería local, fixeron un balance moi positivo da feira e mesmo consideraron que foui a mellor edición dos últimos dous ou tres anos. Destacaron sobre todo que a xente foi á feira a mercar, ata o punto de que tiveron que ir repoñer material dúas veces ao longo da mañá.
A queixería Asiegu, a única ecolóxica da Denominación de Orixe Protexida Cabrales e que foi a convidada este ano polo Concello de Moeche, expresou tamén a súa satisfacción cunha feira á que viñeron por primeira vez pero na que teñen intención de repetir. A cercanía da organización, a súa disposición para solucionar problemas de xeito inmediato e sobre todo o elevado nivel de compradores con respecto a outras feiras nas que a xente proba o queixo pero non merca tanto, foron os puntos destacados por estes representantes asturianos.