A miña idea a semana pasada era falarlles das eleccións catalás, pero o meu portátil decidiu morrer e o artigo que escribín perdeuse para sempre nas profundidades do mar tecnolóxico. Que se lle vai facer. Resumindo moito, quería falarlles de como, na miña opinión, os cataláns castigaron a Mas polos seus desvaríos habituais e a súa nefasta xestión. Tamén ía falar de como case ningún xornal dicía que, porén, o sentimento independentista segue a flote pero cun marcado sentido de esquerdas, co ascenso de ERC a segunda forza, a entrada das CUP e incluso a subida de ICV. Aos cataláns parece que xa non lles vale a apelación á independencia se vai seguida de múltiples recortes económicos.
Artur Mas tamén foi noticia estes días porque foi denunciado por Tejero por “provocación, conspiración y proposición para la sedición”. Para os máis novos, Tejero non é o portero de “Aquí no hay quien viva” senón un señor que intentou dar un golpe de Estado e que nos libros de historia dos institutos soe resumirse nun par de parágrafos. Ese. Como? Que por que está na rúa ese terrorista? Non sabería contestar a iso. Nun país democrático que defende as súas institucións debería seguir no cárcere. Ben, o caso é que Tejero, ademais, publicou unha carta nun periódico melillense para explicar este asunto e asegúrolles que deberían lela. Volverán corenta anos atrás, xa que utiliza o mesmo vocabulario parafascista do anterior réxime. Ata fala dun contubernio. En fin. Ademais, castelaniza os nomes de varios políticos cataláns e chama “Arturo” a Mas, claro. Eu propoño que Intereconomía o contrate como humorista, quero dicir, como tertuliano. Total, ninguén vai notar a diferenza.
Outro Arturo, pero neste caso, Fernández, saltou tamén á primeira plana despois de facer unhas declaracións (tamén en Interlobotomía, que casualidade!) nas que falaba da fealdade externa e interna dos manifestantes da última folga xeral. Arturo, que tié un estilo que no se pué aguantá, qué percha, qué hombre, dixo esa imbecilidade e uns días despois decatámonos de que acababa de recibir un cuantioso premio por parte do PP de Madrid. Non se pode morder a man que che da de comer, verdade, chatín?
Quero rematar, iso si, cunha proposta seria. Propoño dende aquí ás cadeas de televisión que lles dean, de verdade, un programa de humor a Arturo Fernández e a Tejero. Poderían ser os Cruz y Raya da dereita. E de invitado especial Mario Conde. O que nos íamos rir.