Máis de 500 estudantes, familias e docentes participaron nas xornadas “Problemas dixitais, solucións reais”, organizadas pola Deputación da Coruña en varios centros educativos galegos co obxectivo de sensibilizar sobre os riscos do uso das redes sociais e ofrecer ferramentas para previr e actuar ante o ciberacoso.

A iniciativa, celebrada entre o 24 e o 27 de marzo, puxo o foco na prevención do ciberacoso, a protección da privacidade nas redes e o acompañamento das familias no ámbito dixital. Ao longo de catro días, a experta en acoso dixital Sara García Antúnez, presidenta da asociación Stop Haters, e o creador de contidos dixitais Diego Arroba “El Cejas”, achegaron experiencias, consellos e recursos tanto a adolescentes como a familias. As charlas tiveron lugar no IES Breamo e o CPR Plurilingüe San José, de Pontedeume; o IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce, das Pontes; o IES de Ortigueira e o IES de Fene.
O formato das xornadas favoreceu unha participación activa e próxima tanto co alumnado como coas familias. Abordáronse cuestións como o grooming, o respecto á privacidade e os protocolos de actuación fronte a situacións de risco. No caso do alumnado, empregáronse stories nas redes sociais de @stophaters_ para lanzar preguntas de forma anónima, xerando un espazo de confianza no que reflexionar sobre as condutas habituais no ámbito dixital. A dinámica favoreceu unha participación aberta, directa e moi positiva.
Nas sesións para familias quedou patente tanto o interese como o descoñecemento sobre moitas das ameazas actuais na contorna dixital, como os chats sen rexistro, as identidades falsas ou a exposición a contidos nocivos. Ofrecéronse ferramentas prácticas e pautas adaptadas ao fogar para acompañar aos menores no uso responsable da internet.


“Desde o departamento de orientación do IES Breamo, queremos destacar o gran impacto positivo que tivo a actividade realizada no noso centro sobre o ciberbullying. Non só foi unha sesión enriquecedora pola relevancia do tema, senón tamén pola cercanía e o interese que espertou no noso alumnado. Contar coa presenza dun influencer referente para eles como Diego foi clave para conectar coa súa realidade dixital e ofrecerlles unha visión próxima e práctica sobre os riscos e a importancia do uso responsable das redes sociais.
O diálogo xerado foi moi enriquecedor e permitiu que o estudantado reflexionase sobre a empatía, a seguridade e o respecto no entorno dixital. Agradecemos a todas as persoas que fixeron posible esta actividade e agardamos que no futuro poida repetirse co resto do alumnado.”
Segundo datos de UNICEF, dous de cada dez adolescentes poderían estar sendo vítimas de ciberacoso, unha cifra que evidencia a necesidade de iniciativas como esta para reforzar a prevención desde o contexto educativo e familiar.
A boa acollida do programa abre a porta a estender esta proposta a outros centros educativos do territorio da provincia nas vindeiras edicións.