Fene completa a mellora de viais en Castro e Beiramar

As obras, cun investimento de 255.150 euros, supoñen unha importante mellora na mobilidade e seguridade viaria. O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, destacaron a importancia destas intervencións.

O Concello de Fene vén de recibir oficialmente as obras de mellora das rúas Castro e Beiramar, unha actuación de gran relevancia para a veciñanza da zona. Á dita recepción asistiron o alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, así como persoal técnico municipal e un representante da empresa adxudicataria.

O alcalde, Juventino Trigo, salientou que “esta intervención responde ao compromiso do goberno municipal por mellorar a seguridade e o estado das nosas vías, garantindo unha mobilidade máis cómoda e eficiente para a veciñanza”. Pola súa banda, Manuel Polo destacou “o bo resultado dos traballos nas rúas Castro e Beiramar, que supoñen unha mellora substancial para a circulación e a seguridade da zona”:

Paralelamente a estas actuacións recepcionadas, realizáronse tamén na zona outras obras complementarias de pavimentación nos camiños de Loira e Carballás, así como no entorno do Campo de Fútbol de Perlío, que incluíron o perfilado e refinado dos bordes exteriores, mellora de cunetas e aplicación dunha nova capa de rodaxe. Non obstante, o Concello detectou deficiencias no firme nalgunhas zonas, polo que xa trasladou á empresa adxudicataria desta outra actuación a necesidade de corrixir estes problemas de inmediato.

Dende o goberno municipal subliñaron a importancia de facer seguimento da execución das obras públicas para garantir que cumpran os estándares de calidade e durabilidade necesarios. «Non imos permitir que unha obra recente presente deficiencias. As empresas deben cumprir cos compromisos adquiridos e asegurar un resultado óptimo», concluíu o concelleiro de obras.

As actuacións de Castro e Beiramar foron adxudicadas por 255.150 euros, financiados con cargo ao programa POS+2023 da Deputación da Coruña.

Lea también

Investigado a un vecino de As Pontes como presunto autor de un delito de incendio forestal en agosto de 2025

La Patrulla del Servicio de Protección de la Naturaleza (SEPRONA) de la Guardia Civil de …