A alcaldesa da Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, desprazáronse no mediodía deste xoves xunto co presidente e a xerente da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, José Manuel Victoria e Rocío Coira, entre outros, ao Pazo da Cultura con motivo do inicio dos traballos de colocación de pictogramas nas citadas instalacións municipais. “Entende o teu concello con pictogramas: accesibilidade cognitiva no Pazo da Cultura de Narón” é o lema deste proxecto.
En total colocaranse 125 de placas identificativas na zona do auditorio e das escolas do Padroado da Cultura. As entradas e saídas do edificio, o despacho de billetes, as plateas, a conserxería, os baños, almacéns, as escolas, os despachos, a sala de xuntas, vestiarios…
A maiores do nome de cada estancia aparece o pictograma identificativo e a súa transcrición en braille. “Queremos agradecer o traballo levado a cabo para realizar este proxecto encargado dende o Concello e que incluíu a realización dun estudo e unha análise dos espazos do Pazo e contou co asesoramento da Rede de Accesibilidade Cognitiva de Fademga Plena Inclusión Galicia e de Arasaac, para elaborar as placas, ademais do da ONCE”, explicou.
A colocación dos pictogramas no Pazo súmase a outras iniciativas levadas a cabo na cidade para que tamén contasen con este tipo de indicadores na Biblioteca municipal, en pasos peonís (nas inmediacións dos colexios ubicados en Xuvia, na Solaina, en Piñeiros e na Gándara. Neste caso están pintados en cor vermella e inclúen as mensaxes “Parar”, cunha imaxe dunha man dando o alto, “Mirar”, coa imaxe dun ollo, “Parado”, coa imaxe dun coche, e “Cruzar”, coa silueta dunha persoa, para advertir da secuencia a seguir para cruzar con seguridade.
Na área medioambiental tamén se apostou por implementar este tipo de sinalización, concretamente colocando 70 pictogramas xunto a sumideiros localizados na estrada de Castela e en diferentes barrios da zona urbana. A finalidade nese caso foi colocalos en zonas de maior tránsito peonil, elixindo o lema “Non tires residuos. Narón conecta co mar”, concienciando á cidadanía sobre a importancia de coidar e respectar o medio ambiente, non tirando
residuos nos sumidoiros que poden producir danos na rede ou nos tanques de tormenta polos que pasan.
Unha terceira iniciativa nesta mesma liña da inclusión e levada a cabo dende o Concello foi a entrega á Asociación de Comerciantes de Narón de 100 pictogramas personalizados para colocar nos seus establecementos, con imaxes alusivas ao sector ao que se adica cada comercio.
“Dende o goberno local continuamos traballando pola plena inclusión e así queda patente cos traballos iniciados hoxe no Pazo para colocar novos pictogramas”, apuntou a alcaldesa. Ferreiro incidiu en que “con este tipo de iniciativas as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), que procesan imaxes con maior facilidade, ou con algunha diversidade cognitiva recibirán unha gran axuda, moi necesaria para potenciar a súa autonomía neste espazo e, ao tempo, para que a nosa cidade sexa cada día máis accesible e inclusiva, que é a finalidade deste tipo de actuacións”.