«SALVAXE, SALVAXE», a primeira longametraxe do cineasta Emilio Fonseca, proxectarase en Ferrol este martes 25 de marzo ás 20 horas nun pase no que estará presente o equipo do filme.
Ata finais do mes de marzo o documental poderá verse noutras localidades galegas como A Coruña dentro da Semana do Cine Galego 2025 (mércores 26 ás 19.30 horas no Teatro Colón), o Auditorio Municipal de Ribeira (xoves 27 ás 19 horas), nos Cines A Xunqueira de Cee (xoves 27 ás 20 horas), nos Cines Códex de Lugo (venres 28 ás 20 horas) e a sala Numax de Santiago de Compostela (sábado 29 ás 20 horas ).
O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.
Poden consultarse todos os pases en salvaxasalvaxe.com.
«Con SALVAXE, SALVAXE quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida. Empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica«, afirma o seu director Emilio Fonseca.
“SALVAXE, SALVAXE” (2024) obtivo recoñecementos en festivais como o de Málaga (Premio mellor documental), FICG Guadalajara (Mención especial Premio Socioambiental), Play-Doc (mellor documental galego), Alcances (Mención especial), Ourense (mellor dirección Galicia) ou Another Way (Premio do público Impacto). Tamén estivo en competición noutros festivais como o Festival de documentais de Tesalónica, Porto/Post/Doc, MajorDocs, Cinespaña Toulouse ou L’Alternativa de Barcelona.
Walkie Talkie Films presenta este proxecto producido por Animala e Xiana do Teixeiro que conta co financiamento do ICAA a través do Goberno de España, a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a participación da CRTVG e o apoio á distribución da Deputación da Coruña.

O director: Emilio Fonseca
Explora relacións entre humanos e non humanos desde a análise dos conflictos ecosociais e discursos culturais e desde a busca da xustiza interespecie e as similitudes e encontros entre comunidades de distintas formas de vida que cohabitamos o planeta.
Guionista, director, debuxante, animador e docente en ámbitos da imaxe, funda en 2008 Walkie Talkie Films, traballando con linguaxes documentais e experimentais. Autor dos ensaios sobre Antropoceno, simulacro e delirio “Somos plaga” e “Soy muro” da serie de pensamento “Soy Cámara” (CCCB), o libro “Imágenes: un dominio público” (VVAA, CCCB, 2020), e as pezas televisivas “Queimar o monte” e “Tallers Sonors”. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional “Chaco Ra’anga” (AECID), creando o cómic documental sobre conflictos ecosociais “Verde Invisible” (AECID, 2024). É tamén autor do cómic de ficción Fóra de Mapa (Premio Castelao de Banda Deseñada 2016).
“SALVAXE, SALVAXE” (2024) é a súa primeira longametraxe cinematográfica.