A concelleira de Participación Cidadá de Narón, Olga Ameneiro, recordou que as entidades do concello que queiran acceder a subvencións, convenios ou á cesión temporal dalgún espazo municipal deben ter actualizados a día 31 deste mes de marzo os seus datos no Rexistro Municipal de Asociacións.
Dende a Escola de Participación Cidadá de Narón leváronse a cabo dúas reunións informativas, os pasados 22 e 26 de febreiro, dirixidas ao tecido asociativo co fin de informar sobre como realizar este trámite e solventar posibles dúbidas que se plantexaran ao respecto dende o colectivo, tal e como recordou Ameneiro.
A edil naronesa incidiu na importancia de que as entidades teñan actualizados os seus datos e indicou que no caso de precisalo, poden contactar co persoal da Escola de Participación Cidadá para solicitar colaboración, no correo: escolaparticipacion@naron.gal ou no teléfono 603 865 413. O horario de atención é os luns, mércores e venres de 10:00 a 14:00 e os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas.