Limpeza no río Freixeiro, Narón, con motivo do Día Mundial da auga

Coincidindo co Día Mundial da auga, este sábado levarase a cabo na cidade de Narón unha limpeza dun tramo do río Freixeiro. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e o presidente e a vicepresidenta da Asociación Curuxa, Borja Díaz e Carolina Sanmartín, presentaron a iniciativa no Concello, indicando que as persoas interesadas en participar pódense anotar –ata este venres- a través do número de teléfono 627 396 653.

A convocatoria desenvolverase con persoal voluntario e o Concello aportará o material preciso. O punto de encontro será ás 10:00 horas no parque de Freixeiro, nas inmediacións da rotonda de Freixeiro, e a previsión é rematar a convocatoria ás 14:00 horas. Neste período os participantes retirarán restos do cauce fluvial de Freixeiro, dende a rotonda ata as inmediacións do muíño das Aceas, unha zona sobre a que xa se actuou con anterioridade pero na que, tal e como indicou o presidente de Curuxa, tras unhas inspeccións realizadas por outro labor, se comprobou que aínda quedan moitos restos.

A entidade anuncia que continuará promovendo máis actividades na mesma liña, dirixidas a colectivos específicos como escolares ou persoas maiores. Así mesmo, destacou a colaboración de proxecto Amarte, unha iniciativa con selo naronés que se encarga de sensibilizar á cidadanía a través da arte e que estará este sábado realizando fotografías das labores de limpeza.

O edil de Medio Ambiente destacou o éxito que tivo a iniciativa o pasado ano, “cando se retiraron máis de cincocentos quilos de diferentes residuos e materiais do cauce fluvial”. Ramos e Díaz realizaron un chamamento á cidadanía para que o citado sábado se sumen a esta acción medioambiental “co fin de mellorar a situación actual do cauce”. Así mesmo, o edil naronés, apelou unha vez máis á concienciación cidadá “para coidar e respectar o medio ambiente, evitando certas condutas incívicas que teñen graves consecuencias”.

Narón Limpeza río Freixeiro 

Lea también

La Xunta licita por 1,6 millones las obras para convertir una entreplanta en Narón en 14 viviendas públicas

La Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ha dado un paso para ampliar el …