A atleta ribeirense e o xogador de Hockey Club Liceo foron premiados na terceira edición dos Premios do Deporte da Deputación de A Coruña, nos que tamén houbo galardóns para “Sasha” Malov, a karateca Olivia Parga, o Club Halterofilia Coruña, o Pantín Classic e Congalsa, entre outros moitos.
Carlos Arévalo e Enmanuel Reyes recibiron unha mención polas súas medallas nos Xogos Olímpicos de París, ao igual que o BAXI Ferrol que disputará a final da Eurocup, os equipos masculino e feminino do Real Club Deportivo, o Basquet Coruña e campioa do mundo de hockey, María Sanjurjo
Formoso destaca que campioas de Europa como Ana Peleteiro ou medallistas olímpicos como Carlos Arévalo e Enmanuel Reyes iniciaron a súa carreira coas bolsas para deportistas da Deputación:“Son a proba de que, cun pouco de apoio e moito traballo e disciplina, os soños poden converterse en realidade”
O Teatro Colón acolleu na noite deste venres 14 a terceira edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, unha cita que reuniu a numerosas figuras destacadas do deporte coruñés, así como a centos de representantes dos clubs e entidades vinculadas ao mundo do deporte de toda a provincia para recoñecer os seus logros e contribución ao desenvolvemento deportivo.
En total, entregáronse 15 galardóns establecidos en distintas categorías, aos que se engadiron catro mencións especiais do xurado nunha gala que contou tamén coa participación de lendas do deporte coruñés como Luis Moya e Fernando Romay.
Durante o evento, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor non só os éxitos acadados polos premiados, senón tamén o esforzo que hai detrás de cada vitoria. «Sabemos que detrás de cada gol, de cada canasta, de cada marca superada, hai historias de sacrificio e superación. Sodes unha inspiración para a nosa mocidade», afirmou.
A gala serviu ademais para homenaxear a todas aquelas persoas que, sen estar baixo os focos, contribúen de xeito fundamental ao deporte na provincia, como adestradores, familias e voluntarios. «Detrás de cada gran deportista hai moitas horas de adestramento, moitos madrugóns de fin de semana e moitas nais e pais facendo de chófer, de nutricionista ou de psicólogo», recoñeceu Formoso.
A Deputación reafirmou o seu compromiso coa igualdade no deporte e coa creación de oportunidades para todos e todas, independentemente do seu xénero, idade ou do lugar onde vivan. Actualmente, a institución apoia máis de 600 clubs, equipos e entidades deportivas, ademais de promover infraestruturas deportivas nos concellos e bolsas para deportistas. Formoso destacou que grazas a estas bolsas, campioas de Europa como Ana Peleteiro ou medallistas olímpicos como Carlos Arévalo e Enmanuel Pla recibiron apoio nos seus primeiros pasos cara ao éxito. “Eles son a proba de que, cun pouco de apoio e moito traballo e disciplina, os soños poden converterse en realidade”, afirmou.
O presidente concluíu a súa intervención reafirmando a aposta da Deputación polo deporte como un motor de desenvolvemento e cohesión social: «Cada éxito dos nosos deportistas é un éxito colectivo, que nos permite seguir levando o nome de Galicia e da Coruña ao máis alto».
Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, reivindicou o impulso que dá a Deputación ao deporte de base na provincia. “Esta noite celebramos a grandeza do noso deporte, porque o deporte fainos grandes: ensínanos a esforzarnos, a traballar en equipo e a superar os nosos límites”, afirmou o deputado.
Premios do Deporte 2025
Ana Peleteiro e César Carballeira foron distinguidos durante a gala como mellores deportistas da provincia da Coruña grazas á votación do xurado entre as máis de 60 candidaturas totais presentadas entre todas as categorías.

A atleta ribeirense Ana Peleteiro contou coa mellor valoración como deportista feminina polos seus éxitos deportivos e pola súa capacidade para converterse en referente social. Neste sentido, o xurado valorou a súa capacidade para ser nai a finais do ano 2022 e conciliar a crianza da súa filla co regreso á competición de alto nivel, como demostran as súas vitorias durante o 2024 na disciplina de triple salto no Campionato de Europa ao aire libre e o seu bronce no Mundial de pista cuberta. Ana Peleteiro iniciou a súa carreira deportiva coas bolsas da Deputación.

O mellor deportista masculino foi para César Carballeira (A Coruña, 1996), campión do mundo coa selección española absoluta no Mundial de Novara (Italia) de hóckey a patíns do pasado mes de setembro. O xogador coruñés foi decisivo na final contra Arxentina anotando o primeiro tanto. Ademais, o xogador coruñés e capitán do Liceo foi elixido no cinco ideal da tempada da OK Liga, onde ademais acadou o seu récord de goles, con 33 dianas.
O premio ao mellor deportista veterano masculino recaeu en Manuel Paz. Este noiés, de 91 anos, comezou a participar nas carreiras populares cando xa traspasara a barreira dos 50. Despois dunha longa lesión que o mantivo en cadeira de rodas durante meses, o atleta volveu á competición en 2024 e fíxose con dúas medallas de Ouro no Campionato de España Master de Atletismo. A pesares de estar recuperando dunha operación de corazón, hoxe estivo presente no Teatro Colón para recoller o premio.
Dolores López foi a galardoada co premio a mellor deportista veterana feminina. A cedeirense acudiu de novo coa selección española de bádminton ao Campionato Europeo disputado en Bélxica. Na cita, logrou acadar os oitavos de final en individual e en dobres femininos para poñer un bo broche a unha tempada na que foi campioa de España en dobres mixtos; ouro no Master Nacional en dobres femininos e mixtos e prata individual en As Pontes e en Toledo.
O premio ao mellor deportista promesa masculino en categoría base recaeu en Alexandre Malov ‘Shasa’. O deportista do Club de Tenis de Mesa de Oroso é o número 1 no clasificación mundial Sub13, unha proeza que xa lograra co clase mundial Sub11. No 2024 seguiu sumando vitorias nas competicións internacionais do circuíto WTT en Eslovenia, Ecuador, Colombia ou Paraguai. Ten unha prometedora carreira deportiva por diante.
Como mellor deportista promesa feminina en categoría base foi galardoada a kareteca amiense Olivia Parga. A pesares de levar dous anos competindo, o seu palmarés xa abraia. A deportista do Club San Francisco Teo foi ouro na fase final da Liga Nacional de Karate Feminino, na modalidade de kumite -37 quilos. Un logro que, sumado ás súas vitorias na primeira e a segunda fase, fíxoa ser proclamada Grand Winner de España 2024. Olivia é xa primeira no clasificación nacional, no absoluto e no clasificación da Liga 2024.
Nos premios para deportistas con diversidade funcional, Ana Varela foi premiada como mellor deportista feminina. A do Club Atletismo Sada foi campioa de España en 800 en categoría T11-13. Ademais, quedou segunda no clasificación mundial de 800, categoría T12. E cuarta no clasificación mundial 1500 categoría T12. Quedou sen participar na categoría de 1500 no campionato de España por unha lesión do seu guía. Nesta categoría foi premiado tamén Damián Ramos. O ciclista de Oleiros conseguiu a medalla de bronce en contra o reloxo C4 nos Xogos Paralímpicos de París 2024. Ramos foi piragüista profesional e formou parte da selección española enter 2009 e 2011. Un accidente nunha competición en 2014 fixo que a súa carreira deportiva se encamiñase cara o ciclismo para persoas con discapacidade.
O premio para a mellor entidade colaboradora ou patrocinadora foi para a empresa Congalsa, da Pobra do Caramiñal, pola súa aposta polo deporte de base na comarca de Barbanza, que chega a máis de 5.000 deportistas. Congalsa promove a integración de entidades de axuda a persoas con diversidade funcional e sempre coa filosofía de inculcar entre a rapazada a práctica do deporte e dun estilo de vida saudable.
Co premio a mellor adestradora foi recoñecida Rosa María García, técnica do CPA Maxia e creadora deste club de patinaxe artística no 1994. García conseguiu que moitos dos seus patinadores acadasen logros destacados, como os podios de Unai Cereijo e Lucas Yáñez, ambos en modalidade libre, no World Skate Games de Italia.
O galardón a mellor árbitro, árbitra, xuíz ou xuíza recaeu en Dolores Rojas, a primeira muller española xuíza internacional de marcha atlética. Os de París foron os cuartos Xogos Olímpicos para esta xuíza coruñesa que está consolidado na selecta trintena de observadores de marcha.
Mentres, José Domingo Vía Gómez ‘Che’ gañou o premio a toda unha vida dedicada ao deporte. ‘Che’ fundou hai máis de 40 anos o Club Ría de Betanzos. Foi o seu ‘home para todo’ e sempre de maneira desinteresada, como naqueles primeiros momentos, cando poñía o seu coche a disposición do club para poder transportar as piraguas. Che sempre lle buscaba solucións aos problemas. Durante máis de dúas décadas presidiu o club e, hoxe, aos 71 anos, é presidente honorífico.
No referido ás entidades, a mellor en relación á promoción e fomento do deporte de base foi o Club Halterofilia Coruña, que conta cun gran historial de títulos desde os seus inicios no 1986 e que no 2024 acadou o Campionato de España feminino e o subcampionato masculino.
O premio ao mellor evento deportivo da provincia foi para o Pantín Classic. A proba é a única da Liga Mundial de Surf que se celebra en España e está moi consolidada, con 37 edicións ás súas costas. O evento xera preto de 100 empregos directos, atrae a miles de persoas e destaca pola súa equidade á hora de repartir premios entre homes e mulleres e pola súa proba específica de surf adaptado.
O premio a mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo foi ex aequo para CRAT Sharks e Tuxeleires. Os CRAT Sharks naceron no ano 2021 e son un equipo de rugby inclusivo e pioneiro a nivel nacional onde nenos e maiores con e sen discapacidade comparten adestramentos e partidos sen ningunha diferencia entre os uns e os outros. Pouco despois, en 2022, naceu en Santiago o equipo Tuxeleires, que xa está formado por 35 deportistas, e como elemento característico conta cunha alta cifra de mulleres, un 35%, o que non adoita ser habitual.
Mencións especiais para os grandes do deporte na provincia
Máis aló dos premios, o xurado repartiu catro mencións especiais, que este ano contaron con varios ex aequo. O histórico 2024 do deporte da cidade da Coruña foi recoñecido coa mención polo ascenso aos primeiros equipos masculino e feminino do Deportivo de La Coruña, así como ao primeiro equipo do Club Basquet Coruña. Tamén recibiron ese recoñecemento os medallistas olímpicos Carlos Arévalo e Enmanuel Reyes Pla, ambos os dous bronce nos Xogos de París. Do mesmo xeito, o xurado da Deputación outorgou mención a María Sanjurjo, xogadora de hóckey a patíns que gañou os World Skate Games coa selección española e a Champions feminina co Fraga aragonés. Por último, o BAXI Ferrol recibiu tamén unha mención por un ano histórico no que logrou chegar ao final da Eurocup .
Nesta edición, o xurado dos premios estivo presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no sector da información deportiva como Fran Hermida, responsable de Deportes de Radio Coruña-SER; Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia; Leticia Chas, periodista de Cope Galicia; Susana López Carbia, xornalista en El Correo Gallego; e Miriam Tembrás, redactora de Deportes en Diario de Ferrol.