A Agrupación Instrutiva Caamouco AIC reúne por vez primeira a futuras promesas da música da comarca nun festival solidario. ‘Hoxe toca Caamouco!’ éo nome deste concerto de cámara que se vai celebrar este sábado 15 de marzo ás 19:00 horas na sede da Agrupación. A entrada e de balde e aberta a todo o mundo.

Máis dunha ducia de mozos e mozas de idades comprendidas entre os 13 e 24 anos daranse cita nesta proposta coa que se busca poñer en valor o seu traballo e recoñecer o seu esforzo no longo camiño da formación musical. De feito, boa parte da rapazada que participa no concerto estuda no Conservatorio de Música Profesional Xan Viaño de Ferrol ou forma parte da banda aresá Xábrega, que colaboran coa actividade. Proveñen de Ares, Mugardos, Fene ou Ferrol e, por suposto, a velada contará tamén con representantes de Caamouco.
A rapazada está a preparar un recital no que o piano da Agrupación será o gran protagonista.
Arredor deste instrumento xirará boa parte do concerto. A rapazada intepretará pezas en solitario, pero tamén por grupos, co acompañamento de outros instrumentos, como saxos, oboe, violín e violonchelo, entre outros. Ofrecerán unha escolma de cancións, seleccionadas ao gusto polos propios intérpretes, que van dende a música clásica -con propostas de Chopin ou Beethoven-, pezas contemporáneas de Ludovico Einaudi ou Yann Tiersen, entre outros.

Evento solidario
‘Hoxe toca Caamouco!’ conta tamén cunha parte solidaria grazas a un acordo de colaboración ao que chegaron a Agrupación Instrutiva e a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro AECC en Ares, que permitirá a esta última entidade dar a coñecer en Caamouco o seu labor ao tempo que recada fondos.
Así, instalarase un peto solidario no que o público que o desexe pode facer achegas. Ao mesmo tempo, están previstos ata seis sorteos grazas á colaboración de distintos patrocinadores que aportan o seu grao de area á causa. En concreto son El Obrador de Laura e O Forno de Cotos, ambos os dous establecementos situados en Caamouco, así como Supermercados Gadis, Supermercados Día e a artesá e veciña de Caamouco Luisa da Silva.