Últimos días en Narón para inscribirse no Campamento dixital

Os menores de 9 a 13 anos empadroados en Narón ou que acodan a centros de ensino da cidade que queiran asistir ao Campamento dixital que se celebrará entre os meses de abril e xuño na Casa da Mocidade dispoñen aínda dalgunhas vacantes. A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, recordou que o prazo de inscrición nesta proposta rematará o día 21 de marzo ás 13:30 horas.

A tramitación pode realizarse na Sede Electrónica do Concello de Narón, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das administracións públicas.

Esta iniciativa impúlsaa a Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia, financiado pola Unión Europea-Next Generation. O campamento impartirase na Casa da Mocidade, na Gándara, e contará con dúas quendas, con quince prazas cada unha. Unha será para menores de 9 a 11 anos –do 22 de abril ao 12 de xuño os martes e xoves de 17:00 a 19:00 horas- e outra para os de 12 e 13 –do 23 de abril ao 11 de xuño os luns e mércores de 17:00 a 19:00 horas-.

Formadores especializados encargaranse das sesións, cunha temática común sobre as competencias dixitais, permitindo aos participantes aprender a buscar información valiosa en Internet, hábitos saudables, practicar o pensamento crítico para identificar novas falsas, coñecer profesións emerxentes, así como competencias dixitais para a búsqueda de emprego, entre outros. Entre os obxectivos da convocatoria está o feito de que os menores poidan adquirir novas competencias dixitais para utilizar internet e empreguen as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsable.

Ao remate, os participantes recibirán un certificado DigComp que acreditará os coñecementos e competencias adquiridos na utilización das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións dentro do marco europeo. Para recibir máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1111).

Lea también

A Serra e O Tapeo, gañadores do X Concurso de Tapas de Entroido de Narón

O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acolleu o pasado xoves a reunión …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *