A Serra e O Tapeo, gañadores do X Concurso de Tapas de Entroido de Narón

O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acolleu o pasado xoves a reunión do xurado profesional do X Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello de Narón e no que participaron un total de dezasete establecementos de hostalería da cidade.

Miguel Caruncho, docente de Cociña e Hostalería no CIFP Fraga do Eume, de Pontedeume; Nerea Armendáriz, instagramer especialista en cociña -@lamorrofino-; e José Barroso, xefe de cociña do Pazo Libunca, en Narón foron os encargados de degustar as tapas presentadas á convocatoria, decidindo finalmente outorgar o premio ao establecemento A Serra, pola tapa “Entroido en dous bocados”.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, acudiron á reunión do xurado, para agradecer a súa colaboración e tamén a participación dos diferentes establecementos.

A Serra

En canto ao voto do xurado popular, este ano recaeu no establecemento O Tapeo, pola proposta “Cociburguer”, tras realizar un reconto das votacións que a clientela realizou a través dun código QR que había en cada local participante. A maiores de A Serra e O Tapeo, participaron nesta edición os locais: Chacho qué bueno!; Silver; Casa Sindo; Mamá Flora; Clandestino Burger; El Olivo Cocina Bar; Salsiña restaurante; Ronnie; Fame Kanalla; Lambetadas; O Rincón de Trini, O Lugar, Mesón de La Abuela; Café Restaurante Kensington e Chips.

O Tapeo

O acto de entrega de premios celebrarase no Concello, nunha data que se comunicará proximamente, e tamén se entregarán os vales das tres ceas valoradas en 100 euros que recibirán outras tantas persoas que emitiron os seus votos, dun mínimo de catro tapas. O concurso desenvolveuse do 27 de febreiro ao 6 de marzo na cidade, co fin de promocionar a hostalería local, coincidindo coa tempada do Entroido.

Lea también

Educación defiende las obras de ampliación del CPI As Mirandas de Ares tras las quejas del ANPA

La Xunta asegura que el centro cuenta con el profesorado necesario y con ratios muy …