Inscrición aberta en Narón nun curso de peixería

A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou que este martes 11 abrirase o prazo de inscrición nun curso de Peixería, do Programa Municipal de Formación. Trátase dunha acción formativa de 415 horas que se desenvolverá do 24 de marzo ao 30 de xullo nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

Esta acción formativa, tal e como recordou a edil naronesa, ofrece un total de quince prazas e está cofinanciada pola Unión Europea, a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local participativo aprobada no GALP Golfo Ártabro Norte ao proxecto Peixeando co Emprego, presentado polo Concello naronés.

Prevención de riscos laborais específicos no sector, hixiene alimentaria para manipulación de alimentos, coñecemento e diferenciación de peixes e mariscos, recepción, almacenaxe e conservación de peixes e mariscos, tratamento e preparación do peixe, tratamento de despoxos, elaboración de precociñados e cociñados de peixe, e atención ao público forman parte dos contidos desta convocatoria. As clases impartiranse de luns a venres, de 9:00 a 14:00 e o alumnado terá a oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras, cinco horas diarias no horario que se determine, de martes a sábado, do 27 de maio ao 22 de xullo.

Esta acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que tamén se poderán inscribir doutros concellos, que optarán ás prazas no caso de que non se cubran todas as dispoñibles con veciñas e veciños da cidade. As solicitudes poden presentarse do 11 ao 17 de marzo no Rexistro Xeral do Concello -de 8:30 a 13:30 horas-, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

Enterro do «Momo» no barrio naronés de Piñeiros

A Sociedade Cultural Areosa celebra este sábado o tradicional “Enterro do Momo” co que remata …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *