Oito centros de ensino participan en Narón nas I Olimpíadas Galegas Escolares de Seguridade Viaria

Un total de oito centros de ensino participarán nas Olimpíadas Galegas Escolares de Seguridade Viaria, que celebran na cidade de Narón a súa primeira edición.

O vindeiro 19 de marzo desenvolverase a convocatoria, a partir das 10:00 horas –en horario de mañá e tarde- no Pazo da Cultura, xusto un día despois da final das VI Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria do Concello de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, presentaron a convocatoria, agradecendo de antemán a participación dos centros.

Escolares de quinto curso de Primaria do CEIP Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña), do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón Mercedarias (Ferrol); do FEC Plurilingüe San José (Lugo), do CPR Plurilingüe María Auxiliadora Salesianos (Ourense), do SEK International School Atlántico (Pontevedra); da Casa do Neno (Santiago de Compostela) e da Escola Rosalía de Castro (Vigo) competirán coas alumnas e alumnos do colexio de Narón que resulte vencedor nas VI Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria que se disputarán o 18 deste mes no Pazo.

A convocatoria consistirá nunha proba teórica, outra audiovisual, unha artística e unha cuarta de asociación de ideas. Para todo isto, abordaranse temas como a educación viaria, a ambiental, residuos e reciclaxe, matemáticas e inglés relacionados coa educación viaria e primeiros auxilios. Haberá tamén unha parte teórica, consistente nunha proba de Kahoot, para respostar a 35 preguntas tipo test extraídas das cinco materias do temario e terán que presentar un proxecto de campaña sobre “Mobilidade escolar e educación viaria”, en formato vídeo.

Os escolares defenderán tamén as súas maquetas sobre “Como mellorarías o teu entorno escolar en relación coa mobilidade e educación viaria?” e terán que descubrir unha palabra oculta na última proba, a través dunha serie de pistas. Ao longo da tarde os escolares poderán participar en diversas actividades, baixo a temática “Medrar na cidade”, a cargo de Marta Román.

A rexedora local indicou que se repartirán diversos premios entre os participantes nestas olimpíadas e haberá un premio principal, que consistirá nunha placa de metacrilato para colocar no exterior do centro escolar do alumnado que resulte gañador da proba. Dende o Concello destacouse o traballo realizado en materia de Educación Viaria nos últimos anos “e a aposta por desenvolver actividades como as olimpíadas, xa un referente na nosa cidade pero que este ano reciben un impulso para convocalas a nivel autonómico”.

Lea también

Aberto o prazo de matrícula en Narón nas tres escolas infantís municipais

A concelleira de Ensino de Narón, Olga Ameneiro, informou da apertura do prazo de matrícula …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *