O Concello de Valdoviño avanza a súa programación con motivo do Día Internacional da Muller. Baixo o lema “Somos e contamos”, a oferta municipal, deseñada para conmemorar o 8M, incluirá ao longo de todo o mes actividades para distintos públicos, que abarcarán teatro, a proxección dunha webserie, “Conversas para ser e contar”, e a homenaxe á muller do ano.
A lectura, no transcurso do pleno ordinario do Manifesto institucional, que posteriormente se publicará na páxina web municipal, e a iluminación o 8M da fachada da Casa Consistorial marcarán o punto de arranque do programa, que contará co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
No campo cultural, a oferta é ampla. O 14 de marzo chegará ao auditorio de Valdoviño “Invisibles”, coprodución de Redrum e do Centro dramático galego, gañadora de tres Premios María Casares. O espectáculo, protagonizado por Mela Casal, Nieves Rodríguez e Sheyla Fariña, que escenifica o relato de sete vítimas da violencia de xénero, reflectindo que calquera muller pode ser vítima, que non hai unha idade nin un perfil, e denuncia a protección por parte da sociedade aos agresores.
Tamén aborda a problemática social da violencia machista “Golpes”. O monólogo de Estíbaliz Veiga, previsto para o mércores 19 de marzo, e destinado ao alumnado de secundaria do CPI Atios. A obra, que volve ao noso municipio da man da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, proponse, “amosar como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega á violencia machista”.
Finalmente, o público familiar poderá desfrutar o 30 de marzo do espectáculo “Travesía Unicornio” de Ghazafelhos Teatro. Un obra chea de humor que cambia os tradicionais roles de xénero, abrindo as portas a que nenos e nenas decidan libremente sobre os seus gustos.
No eido socioeducativo, impulsarase “Conversas para ser e contar”. E no marco desta iniciativa, a matrona do centro de saúde de Valdoviño, Estefanía Cabarcos, impartirá a charla “Coñécete ben para quererte ben”. Unha sesión na que falará co
alumnado de 6º de primaria do CPI Atios sobre os corpos e os cambios físicos e emocionais.
Finalmente, o Concello recoñecerá publicamente e premiará a traxectoria vital dunha veciña do municipio. O acto homenaxe á muller do ano, con data pendente de fixar, completarase coa proxección no auditorio da webserie “Nómades”, de Marta Ínsua, subvencionada pola Deputación da Coruña e o Agadic.