A Deputación reafirma o seu apoio ao Baxi Ferrol tras o histórico pase a semifinais da Eurocup

A Deputación da Coruña reforza o seu compromiso co deporte feminino a través dun convenio de colaboración co Baxi Ferrol, ao que destina este ano 70.000 euros para apoiar o seu traballo deportivo.

Fuente Diputación de A Coruña

Con motivo do histórico pase do equipo ás semifinais da Eurocup, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron este luns 3 ás xogadoras, a directiva e o corpo técnico tras o adestramento no pavillón da Malata, onde trasladaron os seus parabéns polo seu excepcional rendemento nesta tempada. Formoso destacou “o importante papel que xoga o club na proxección da cidade de Ferrol e do deporte feminino galego a nivel nacional e internacional”.

O Baxi Ferrol está a protagonizar unha tempada excepcional, acadando un fito sen precedentes para o club e para o baloncesto feminino galego. O seu recente pase a semifinais da Eurocup, onde se enfrontará ao LDLC ASVEL Féminin de Lyon, subliña o seu papel destacado no panorama deportivo europeo. Ademais, o club conta cunha sólida base social, con máis de 1.200 socios e un público fiel que supera as 1.500 persoas en cada partido na Malata, cifras que consolidan ao Baxi como unha referencia deportiva en Ferrol e en Galicia.

Fuente Diputación de A Coruña

O presidente da Deputación puxo en valor o impacto do Baxi Ferrol na promoción do baloncesto feminino e do deporte base, lembrando que este é o deporte con maior número de licenzas femininas en España e o terceiro en total, só por detrás do fútbol e do baloncesto masculino. «O compromiso da Deputación co Baxi Ferrol responde á necesidade de apoiar proxectos deportivos que fomentan a igualdade e a visibilidade do deporte feminino», subliñou, engadindo que «o traballo deste club é un exemplo de como o esforzo, a paixón e o talento poden situar un equipo galego na elite do baloncesto continental».

“A traxectoria do Baxi Ferrol nesta Eurocup está a demostrar que o deporte feminino galego ten capacidade para competir ao máis alto nivel e seguir facendo historia. O vindeiro enfrontamento co Lyon, co primeiro partido este mesmo xoves, suporá un novo desafío para o equipo, que xa conta co recoñecemento de toda a afección e co apoio decidido da Deputación”, concluíu Formoso.

“Para nosotros es muy importante el apoyo de todo el mundo. Hemos concretado un apoyo extra, que nos viene muy bien”, afirmou o presidente do Baxi, Santi Rey, que agradeceu “el apoyo de la afición, que ha vuelto a demostrar que Ferrol es un sitio de baloncesto porque quedaban solo 350 entradas para el jueves y creo que se va a colgar el no hay billetes, lo que dice mucho”, apuntou.

Fuente Diputación de A Coruña

Ademais da súa traxectoria deportiva, o Baxi Ferrol desempeña unha labor fundamental na formación de novas xeracións de xogadoras, promovendo o baloncesto entre as nenas e mozas da comarca a través das súas escolas deportivas e programas de base. Este traballo educativo e social reforza a importancia de contar con apoios institucionais que garantan a continuidade e o crecemento do proxecto.

O apoio da institución provincial, sumado ao crecemento da afección e ao esforzo do club, reforza o papel do Baxi Ferrol como un exemplo de superación e liderado no baloncesto feminino.

Lea también

Luz verde al proyecto de Caranza de ‘Abrir Ferrol ao mar’

La fachada marítima de Caranza, desde la entrada por Telleiras contará con una imagen totalmente …