Psoe Ferrol lamenta a perda do 2% cultural

O grupo Socialista de Ferrol afirma a través dun comunicaso que «o goberno local deixa pasar outra oportunidade de poder executar unha actuación de recuperación de patrimonio con fondos doutras administracións». Neste caso concreto, os socialistas refírense «ao 2% cultural do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, que deixou fóra na resolución de concesión de axudas provisional o proxecto presentado polo goberno local para arranxar unha serie de patoloxías do volume traseiro e goteiras do teatro Jofre, cun importe total de 81.595 euros (o executivo do PP local pedía cerca de 61.000 euros ao Goberno central)».

Ademais de criticar este feito, os socialistas, a través da concelleira Eva Martínez Montero, afean que «lonxe de informar deste feito, o Partido Popular de Ferrol afirmou nas súas redes sociais -como se incorpora á nota- que se tiña acadado o 2% e que con eses fondos se ía actuar no Jofre». «Ou non saben o que xestionan e acontece no concello no que gobernan, ou minten con premeditación e alevosía», manifestou Martínez, que engadiu que «mesmo a concelleira de Urbanismo no pleno do pasado xoves non só negou este feito, senón que tampouco recoñeceu que o proxecto ferrolán quedara excluído da listaxe provisional de bens obxecto de rehabilitación».

Xa no seu momento, o grupo socialista reprochara ao alcalde «que presentara unha obra menor a este programa, que reparte 80 millóns de euros para a recuperación de bens de interese cultural». «Nós apostabamos por continuar coa recuperación do castelo de San Felipe, para o que hai que lembrar que xa conseguimos no noso mandato o entón 1,5% cultural para a eliminación de humidades e reparación das cubertas pétreas, cun investimento total de case medio millón de euros xa executado, e unha subvención dos fondos de transición xusta para a rehabilitación de Casa do Comandante e a Batería Alta e a súa conversión nunha cafetería, cunha achega dun millón de euros, que agora ten que executar o actual goberno local», apuntou Martínez Montero,

Para a edil «non tiña sentido presentar un proxecto tan pouco ambicioso a un programa da relevancia do 2%» e, como xa dixera cando o goberno popular anunciou a proposta remitida, «se desbotan a idea do goberno anterior de continuar coa rehabilitación do castelo, o lóxico e estamos convencidos de que tería unha mellor valoración, sería ter presentado un proxecto de recuperación integral do teatro, do que ninguén, evidentemente, cuestiona a súa relavancia arquitectónica e o seu impacto social na cidade», concluíu.

O grupo socialista, como xa fixo na sesión plenaria do xoves, reclama a resolución do Ministerio.

Lea también

El Concello de Ferrol y la UNED renuevan en convenio para realizar las prácticas de su alumnado

La junta de gobierno local del Concello de Ferrol ha aprobado este lunes la renovación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *