A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, aproveito o acto de colocación da pancarta que reivindica o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no balcón da sede da Subdelegación do Goberno para reivindicar os avances do Goberno en materia laboral e social “sempre co feminismo e a igualdade como eixos transversais”.
Neste senso, sinalou medidas como a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade retribuídos e a posta en marcha de novos permisos para garantir os coidados de menores ao cargo por parte das persoas traballadoras, pero tamén outros logros que tamén teñen nome de muller, como a suba do salario mínimo interprofesional (do 61% desde 2018), que deixa un 60% de beneficiarias mulleres; o incremento das pensións, que fixo aumentar a retribución media das mulleres nun 45%, ou a redución en 6,8 puntos da fenda retributiva entre homes e mulleres.
“Son políticas que inciden directamente na calidade de vida da mulleres, esas que propician máis traballo, mellores contratos, mellores pensións e máis posibilidades de conciliación”, indicou a subdelegada, que tamén salientou o feito de que por primeira vez se superasen os 10 millóns de mulleres ocupadas no noso país, “unha cifra récord desde que hai rexistros”.
María Rivas que apuntou que “o desemprego, as pensións baixas, a precariedade e a carga dos coidados teñen rostro de muller e, polo tanto, seguirán a ser eixos centrais de actuación de este Goberno”, presidiu o acto de colocación da pancarta conmemorativa do 8M, no que estivo acompañada da Delegación do Goberno, Eva Vázquez Castelo, e da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, Manuela Vilaboy, informou de que a pancarta estará despregada no balcón da Subdelegación toda a semana “para dar visibilidade ao compromiso feminista do Goberno de España e chamar á cidadanía a seguir defendendo a plena igualdade”.
Programación conmemorativa
A subdelegada tamén avanzou que a Delegación do Goberno e a Subdelegación levarán a cabo diferentes actividades para conmemorar o 8M “que se suman ao traballo diario do Goberno pola igualdade, que se manifesta en todas e cada unha das súas políticas”. Entre estas actividades destacou unha xoranda formativa sobre a nova regulación de Estranxeiría coas mulleres como protagonistas que xa conta con preto dun centenar de persoas inscritas e encontros con varios colectivos de mulleres.
Esta mesma semana, a subdelegada participará nun encontro organizado pola Garda Civil con escolares no que diferentes mulleres do instituto armado explicarán aos preto de 400 alumnos e alumnas asistentes as distintas funcións que desenvolven no seu día a día e tamén será a encargada de inaugurar o ‘Foro Mulleres Referentes’ organizado polo xornal dixital Quincemil, ademais de tomar parte no acto que organiza a Delegación do Goberno o próximo 7 de marzo.