Os comerciantes de Cedeira poñen en marcha, co apoio do Concello, unha campaña para promover as compras nos establecementos da localidade durante a festa de Entroido. Ata o vindeiro 12 de marzo, os arredor de 150 negocios da vila inscritos na iniciativa van repartir entre a clientela cupóns para participar no sorteo de 15 cestas con agasallos. O sorteo será o día 14 de marzo e será retransmitido a través das redes sociais @decedeira.
Segundo explicou María Villar, representante do colectivo de comerciantes, a campaña pretende dinamizar a actividade precisamente en datas que son máis frouxas en vendas. Para artellar o sorteo, os establecementos colaboradores fixeron doazóns de cantidade e variedade de agasallos, cos que se encheron as cestas que se van sortear. Todas elas están expostas nun grande escaparate situado na Avenida da Area, nº1.
Como adoita suceder tamén coa campaña de Nadal, neste sorteo implicáronse negocios de diferentes ámbitos, desde comercios de moda ou calzado ata perruquerías, pescaderías, bares e cafeterías…