O Entroido en San Sadurniño reparte máis de 1.000 euros en premios

O Concello de San Sadurniño vai celebrar a súa grande festa de Entroido na tarde-noite deste venres 28 de febreiro. O programa da área de Cultura arrancará cunha festa para a cativería ás 18:30 horas que enlazará co carnaval adulto, a partir das 21:00h.  Como vén ocorrendo desde que en 2019 o Concello volvese darlle pulo a este evento tradicional, tanto pola tarde como pola noite haberá unha chea de premios  para as mellores máscaras individuais, en parella, en grupo e para a comparsa máis animada.

En total entregaranse 13 premios en forma de vales canxeables, por un valor total de 1.010 euros. Ademais o carnaval local contará coa animación musical do grupo Silbarda – A Capela- e do picadiscos local DJ Sebas. As inscricións están abertas desde hai uns días e poderán efectuarse na propia carpa da festa ata as 18:30 horas, ou ben de maneira anticipada cubrindo este formulario e enviándoo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou rexistrándoo na Sede Electrónica.

O carnaval infantil repartirá entre os nenos de ata 11 anos un total de seis premios. En individual serán dous por valor de 35€ cada un, en parellas entregaranse outros dous valorados en 70€ e no terceiro apartado, dedicado a familias con rapazada e adultos -mínimo tres persoas- outorgaranse tamén dous premios de 70€. Serán vales para libros, material escolar ou calquera outra cousa canxeables na libraría Brétema. O xurado fixarase, entre outras cousas, na orixinalidade e na animación das máscaras.

Na festa da noite, que empezará ás 21:00 horas entregaranse sete premios, neste caso para gastar nos restaurantes do municipio: dous vales de 35€ en xuvenil individual, dous polo mesmo importe no apartado de persoas adultas que participen individualmente, outros dous premios de 120€ cada un para grupos de ata 8 persoas e, por último, un vale de 280 € para a mellor comparsa, que deberá contar con máis de 8 integrantes e animación  musical.

Ao día seguinte, sábado 1 de marzo, a Casa da Cultura encherase cos “Monstros no Camiño” de Teatro Ghazafelhos. A representación, para público familiar, está posta para as 11:30 horas con entrada gratuíta, que deberá reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. O espectáculo chega a San Sadurniño da man do programa Dinamiz-ARTJ do Instituto para a Transición Xusta.

Naraío, Lamas e Bardaos tamén se suman ao Entroido

O Entroido de San Sadurniño tamén se mantén vivo gracias ás entidades veciñais e comisións de festas, que adoitan celebralo con bailes, con xantares populares ou cunha mestura de ambos argumentos.

En orde cronolóxica, a primeira parada teremos que facela en Naraío xa este  sábado  con motivo do xantar a prol das festas do San Roque, no que ademais da comida e as máscaras que poidan aparecer tamén teremos a música de Vanessa Ramil e DJ Sebas.

Porén, o carnaval propiamente dito organizado pola AVV O Castelo de Narahío celebrarase o sábado 8 de marzo. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a entidade partirá a festa e en dúas sesións: unha de tarde -17:30 horas- con LaGuaGua e outra nocturna -22:30 horas- animado pola solista Patry Prados. Haberá agasallos para os mellores disfraces.

Pola súa banda, a AVV Xuntanza de Lamas celebrará o entroido o sábado 15 de marzo cun xantar (14:00 horas) a base de sopa de cocido, cocido e doces deste tempo, acompañado de pan, bebida e café.  O prezo para persoas socias será de 22€, mentres que as non socias deberán aboar 26€ (gratis para a rapazada menor de 12 anos). Hai que anotarse antes do 10 de marzo nos teléfonos 618 838 760 ou 664 203 738. Ademais dun bo xantar -no que quen queira poderá ir de máscara- tamén  haberá unha sobremesa musical cunha actuación sorpresa.

A última cita da que temos constancia será o cocido de Entroido organizado pola parroquia de Bardaos e a Confraría do San Pipote o sábado 22 de marzo no local social. Empezan ás 14:00 horas con sesión vermú animada polo Dúo Calibre e unha hora despois sentarán á mesa para papar un cocido completo -sopa, lacón, cachucha, chourizo, grelos, patacas e garavanzos- acompañado de doces e café de pota. A media tarde volverá a música con Patry Prados, de novo, co Dúo Calibre.

O prezo do menú son 25€ por persoa -menores de 10 anos gratis- e haberá que apuntarse antes do 19 de marzo chamando ao 638 290 327.

Lea también

La mejor danza contemporánea de Galicia llega al entorno del albergue de Neda

Con la atención puesta en el tiempo, el Ayuntamiento de Neda ultima los preparativos para …