Teatro e máis actividades na axenda da fin de semana de Cedeira

A compañía Píscore leva este sábado 22 ao escenario do Auditorio de Cedeira a obra “Molto Barroco”, unha peza que se presenta como unha reivindicación das composicións musicais barrocas baixo o prisma do teatro e o humor. A representación será ás 19.00 horas e as entradas, a un prezo de 2,5€, poderán mercarse na billeteira desde unha hora antes.

Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro Foto: Pablo Lorente

“Molto Barroco” viaxa á corte dun Rei que encarga unha composición orixinal para poñerlle música ao baile de petición de man á súa prometida. A solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares. No espectáculo hai outra trama, xunto á da creación musical, que é o triángulo amoroso entre o Rey, a súa prometida e o Compositor, coa complicidade dun bufón de actitude irreverente. Fran Rei dirixe a peza, na que actúan Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.

A compañía Píscore, nada no ano 2016, toma o seu nome de “Esther Píscore”, trasunto da musa da danza na mitoloxía griega Terpsícore nun coñecido gag de Les Luthiers. Teñen o obxectivo de facernos rir desde o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.

Na axenda de ocio da vindeira fin de semana en Cedeira está tamén a comida-baile que organiza a comisión de festas de San Román, cunha sesión vermú a cargo de Alberto Bellón e o tradicional cocido de menú.

Por outra banda, o Museo Mares organiza para o sábado un obradoiro infantil de Entroido, que estará dirixido pola deseñadora gráfica Rocío Rellán. Será de 11.30 a 13.30 horas e as familias poden realizar as inscricións a través de Whatsapp, no número 614 209 504.

A asociación Lugares Comúns promove tamén o obradoiro “A presenza da máscara”, que se vai desenvolver este sábado 22 e o día 2 de marzo, en horario de 11.00 a 15.00 horas. A actividade ten por obxecto a creación dunha máscara teatral e terá lugar na Casa Pepanova.

Lea también

Dos ponteses firman el cartel que representará la imagen del Festival Intl. do Mundo Celta de Ortigueira

La obra, “Romaría”, elaborada por Juan Prieto y Joseba Silvent, vecinos del Ayuntamiento de As …