O Chanfaina lab estrea en San Sadurniño as pezas da novena edición

Pasadas as 21:30 horas do sábado 15 rematou a proxección das 24 curtametraxes filmadas na súa maioría durante a primeira fin de semana do mes de setembro. A Casa da Cultura de San Sadurniño volveuse encher de público ávido de cine en pequeno formato no que se contan  historias de aquí con total liberdade creativa e de estilos.

Foto: César Galdo

Historias que nesta edición destilan dúas conclusións: que cada vez hai pezas máis elaboradas sen que o encontro perda a súa esencia de festival amador e, por outra banda, que o Chanfaina está máis que asentado no territorio e no audiovisual galego gracias ao seu formato único e xenuíno.

Ademais, durante a gala conducida polo actor Fran Nogueira e polas mulleres de Teño unha horta -Crucita de Piñón, Carmiña da Laxe e Carmiña dos Pantís e Maruja da Curuxa-, tamén se entregou o primeiro premio Bernardino de Lamas, que recoñecerá desde este ano o labor de creación fílmica ou de apoio ao audiovisual á marxe da industria. O primeiro premiado foi o realizador, profesor e escritor Alberte Pagán. 

A gala das estreas comezou puntual, só uns minutos despois das 17:30 horas marcados no programa como hora de inicio. O actor Fran Nogueira, unha das caras máis coñecidas do noso audiovisual, abriu o evento descubríndonos a súa relación «desde neno» con San Sadurniño e declarándose fan do Chanfaina lab, no que el mesmo participou hai uns anos como intérprete dunha das pezas.

Desde o escenario, Nogueira dirixiuse ao alcalde, Secundino García, para arrancarlle o compromiso de que trala novena edición do Chanfaina lab «haxa tamén unha décima», algo que o propio rexedor confirmou na súa intervención. «Haberá décima edición en setembro, e undécima e moitísimas máis», asegurou García Casal. O alcalde expresou o «orgullo» do Concello de San Sadurniño por ser quen de poñer en marcha e soster un encontro audiovisual «co que poñemos o noso gran de area no audiovisual galego, que é un sector estratéxico do país».

A tan só unha semana de que teña lugar en Santiago de Compostela a manifestación convocada por Queremos Galego! en defensa da lingua, Secundino García tamén reivindicou o papel do audiovisual como ferramenta «vital para conservar o galego».

Logo da breve intervención do alcalde tomou a palabra a concelleira de Cultura, Araceli Bellas, para darlle paso á entrega do premio Bernardino de Lamas,  que recaeu no escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán, (Carballiño 1965), pola súa prolífica traxectoria no ámbito do cinema experimental, “na que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios”.

Pagán volveu hoxe a San Sadurniño para recoller o galardón, simbolizado nun boneco feito de folla de millo que representa os trazos máis recoñecibles do articulista, galeguista, activista cultural e cineasta amador Alfonso Piñón Teixido, nome verdadeiro de Bernardino de Lamas.

«É un orgullo para min recibir esta peza, unindo o nome de Bernardino de Lamas ao meu. Ademais, para a semana estou de aniversario e é un agasallo para min», bromeou Pagán, sinalando a continuación que na súa faceta literaria e de creación audiovisual «sempre fixen as cousas sen pedirlle permiso a ninguén. Eu sempre fixen películas fóra da industria, fóra das produtoras, fóra das subvencións». Unha liberdade que, segundo suxeriu, lle supuxo recibir críticas e unha certa marxinación por parte do mainstream do audiovisual. «Un fai as súas cousas á súa bola, o que lle sae de dentro, e ás veces sénteste só», razón pola que o recoñecemento do Chanfaina significa para el  «que hai alguén que aprecia o que fas».

Alberte Pagán tamén destacou o valor do premio «porque mo dá o Chanfaina lab, que foi capaz de baixar o cinema á terra, quitándolle a pátina industrial e comercial e mostrar o que a xente queira mostrar. O Chanfaina é un gran exemplo de que todo o mundo pode escribir e todo o mundo pode crear cinema».

Foto: César Galdo

24 pezas
Trala entrega do Bernardino de Lamas, a gala do Chanfaina lab recuperou o seu formato de sempre, subindo ao escenario ás autoras e autores das curtametraxes para entregarlles a Lola Chanfaineira -a boneca de agasallo por ter participado no encontro- e para que eles poidan presentar escuetamente cadansúa peza.

Sobre as táboas da Casa da Cultura xuntáronse, polo tanto, 31 autoras e autores, máis outras dúas que non puideron asistir e enviaron un saúdo en vídeo, que foron avanzando os contidos que despois se irían debullando ao longo de máis de tres horas de proxección. De novo pezas sobre a paisaxe de San Sadurniño, curtas ao respecto da súa historia, documental, ficción, ensaios experimentais… coma sempre un todo revolto e saboroso que lle dá sentido ao nome do propio encontro, que alude a un embutido tradicional desta zona no que se mesturan múltiples ingredientes.

As presentacións intercaláronse coas presentacións de Fran Nogueira coa axuda de Crucita de Piñón, Maruja da Curuxa e as dúas Carmes de Lamas: Carmiña dos Pantís e Carmiña da Laxe. As catro integran colectivo audiovisual Teño unha Horta, nacido ao abeiro da Aula CeMIT e omnipresente neste e en anteriores chanfainas facendo labores de produción, como actrices e facendo as súas propias pezas. O cóctel señoras-Nogueira deixou momentos de moita risa propiciados polas equivocacións na orde das presentacións das pezas, non se sabe se calculadas e ensaiadas ou froito da improvisación…, anque todo apunta a que o segundo.

Trala velada de cine de hoxe -da que falaremos o luns cun pequeno resume do contido das curtas- os 24 filmes do IX Chanfaina lab iniciarán o próximo 7 de marzo a súa andaina na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño, onde se irán estreando a razón de dúas cada venres. Ademais, desde hoxe as súas autoras e autores xa poderán empezar a movelas por festivais, levando o nome e as historias de San Sadurniño por todo o mundo.

O Chanfaina lab é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño que conta con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Lea también

XXIX Concurso de Humor Gráfico en Fene “Curuxa do Humor”

Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 32, do luns …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *