O Campus Industrial de Ferrol acolle a última reunión de traballo do proxecto europeo RELEARN no que participa profesorado da UDC

A Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves, día 13,  a última das xornadas de traballo, en formato híbrido, presencial e en liña, do Proxecto Europeo Erasmus+ Research based teaching for life-long LEARNing (RELEARN), no que participa profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC).

O programa desta última xornada de traballo incluíu dúas mesas redondas. Na primeira delas, titulada “Perspectivas do profesorado sobre os métodos de ensinanza – investigación e as plataformas”, participaron o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e integrante do Grupo de Investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Jorge L.Beceiro; o tamén profesor na EPEF e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), Javier Pernas; a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e integrante do Grupo de Investigación Cardiovascular (GRINCAR), Sara F. Basanta; e a tamén profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e integrante do Grupo de Investigación en Reumatoloxía e Saúde (GIR-S), Raquel Veiga.

Pola súa banda, na segunda mesa redonda, titulada “Perspectivas do estudantado sobre os métodos de ensinanza – investigación e as plataformas” interviron os estudantes do programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, Laura Sabela Vázquez e Julio Barreiro. Acto seguido, tiveron lugar dúas conferencias, a primeira a cargo do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador no Grupo Integrado de Enxeñaría
(GII), Fran Bellas, e a segunda, impartida polas traballadoras da Biblioteca Ángela Ruíz Robles da Universidade da Coruña (UDC), Beatriz Regueira e Vanesa Loureiro.

Unha plataforma educativa para fomentar a aprendizaxe baseada na investigación

Deseñar unha plataforma educativa que fomente a aprendizaxe baseada na investigación botando man dunha serie de algoritmos de aprendizaxe automática e da intelixencia artificial para atopar as publicacións, os libros ou os artigos científicos máis axeitados en función da temática que se estea a estudar. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Research based teaching for life-long LEARNing (RELEARN) que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.

A empresa sueca de servizos dixitais de apoio ás actividades de investigación e educación Research Unfolded Sweden AB coordina este proxecto de innovación docente no que tamén participan a Josip Juraj Strossmayer University of Osijek (Croacia), a Sapienza Università di Roma (Italia), a University West (Suíza), a Universidade da Coruña (España) e a empresa de programación informática RUn IT (Bosnia e Herzegovina).

O Proxecto Europeo Erasmus+ Research based teaching for life-long LEARNing (RELEARN) conta cun orzamento total de 251.350 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 36.570 euros para levar a súa parte do proxecto grazas ao traballo do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) do Campus da Coruña así como de alumnado do programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial.

Lea también

La Xunta impulsa al comercio local con 74 acciones enmarcadas en el nuevo Plan Estratégico del sector

La Xunta de Galicia acaba de presentar el nuevo Plan Estratégico del comercio de Galicia …