A edil de Formación de Narón, Natalia Hermida, avanzou que este xoves 13 abre o prazo de inscrición en dous novos cursos do Programa Municipal de Formación. Preparación para a obtención do permiso de condución D (autobús) con CAP inicial de viaxeiros/as –para maiores de 24 anos- e Preparación para a obtención do permiso de condución C (camión) e E (tráiler) con CAP inicial de mercadorías –para maiores de 21 anos- son as dúas modalidades que se ofrecen a través deste programa.
A edil naronesa anunciou que o prazo para anotarse permanecerá aberto dende ás 8.30 deste xoves horas ata o día 19 deste mes ás 13.30 horas. A convocatoria diríxese a persoas desempregadas empadroadas en Narón, que deben ter en vigor, para poder realizar calquera destes cursos, o permiso de condución B e ter superado o correspondente psicotécnico. Poderán tamén inscribirse persoas doutros concellos que cumpran os requisitos establecidos e que accederán á acción formativa no caso de que queden vacantes. Cada un dos cursos terá unha duración de 250 horas e impartiranse na sede da Autoescola Anpidriver, na Gándara (rúa Concepción Arenal, 73, Narón) dende o 17 de marzo ata o 30 de xuño deste ano, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.
As doce clases prácticas obrigatorias de condución iranse fixando individualmente en horario de mañá, cunha duración de 45 minutos están incluídas as horas de presentación aos exames oficiais). Ofértanse un total de dez prazas para cada un dos cursos, tal e como informou a concelleira naronesa. A edil explicou que será de balde para o alumnado o pago das taxas de exames teóricos/pista e circulación para o carné D e tamén para os C e E, e as taxas de expedición e exames teóricos do CAP inicial obrigadas por Tráfico (sen incluír a renovación, só unha convocatoria), debendo o alumnado abonar o pago do psicotécnico.
As persoas interesadas deben presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica de Narón ou a través do resto de medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).