Dende Ferrol en Común «queremos denunciar que un servizo que dende sempre estivo servido con medios propios e por funcionarios públicos está sendo privatizado con escurantismo e de forma irregular»
«Tras meses de requirimentos de documentación en Comisión de Urbanismo e Seguridade sobre a privatización do guindastre municipal, o goberno do PP segue sen dar traslado dunha actuación irregular nun servizo público: o guindastre municipal».
«Malia a que o PP tennos negado o noso dereito á información e fiscalización, o notorio e público abuso de contratacións externas para mover vehículos que obstaculizan o paso ou o acceso a vaos de garaxes particulares, vulnera un servizo público esencial e abre a porta a súa privatización».
«Este servizo está sendo privatizado e sen ningún contrato que o ampare, con pedidos contra factura que obvian a legalidade a empresas privadas, sen concorrencia e menosprezando aos funcionarios públicos».
«A única escusa ofrecida en comisión foi a falta de persoal, escusa que non é válida, xa que cando toca cubrir postos de asesoría externa ou por libre designación para cubrir xefaturas, a celeridade é máxima», polo que dende FeC «interpretamos que esta privatización encuberta é premeditada, planificada e intencionada, abrindo unha porta perigosa cara á destrución do emprego público».
«Por esta vía do desmantelamento progresivo, sen cubrir as vacantes e alegando problemas para a súa cobertura, esta situación corre un grave risco de reproducirse na cuadrilla de obras, a día de hoxe baixo mínimos e externalizándose xa gran parte dos seus traballos, na biblioteca municipal, recorrendo a programas temporais da Deputación para paliar un problema estrutural ou en áreas sensibles, como Xuventude, sen persoal cualificado propio para desenvolver un servizo estable na Casa da mocidade».
Dende FeC «esiximos que publicamente e con total transparencia se exhiba a documentación que certifica esta privatización encuberta, que se cubran con urxencia as prazas vacantes e que se recuperen os servizos públicos que se están a degradar neste mandato».