Alberte Pagán, 1º premio «Bernardino de Lamas» que concede o Chanfaina lab en San Sadurniño

O encontro audiovisual Chanfaina lab  entrega este sábado 15 o seu primeiro premio “Bernardino de Lamas”, co que de agora en diante se recoñecerá a traxectoria dunha persoa viva que teña demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual como cineasta non profesional ou amateur “á marxe da industria, tanto nos seus aspectos estruturais, temáticos como narrativos”

Foto de Alberte Pagán- Amador Lorenzo

Nesta primeira edición, o xurado decidiu outorgarlle o premio ao escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán (O Carballiño 1965) polo seu percorrido no ámbito do cine experimental, no que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios. Pagán, quen participou no primeiro Chanfaina lab aló polo 2014, recollerá o seu galardón no transcurso da gala de estrea das curtas deste ano, conducida a partir das 17:30h polo actor Fran Nogueira.

Conta o profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño que Alberte Pagán “é unha figura relevante da cultura galega contemporánea, mais tamén do cinema experimental en España”. Poeta, ensaísta  (é todo un experto na obra cinematográfica de Andy Warhol), cineasta e activista político “sempre disidente”, Pagán posúe, en palabras de González, “unha curiosidade e un talento sen límites” tal e como se pode comprobar a través da súa prolífica traxectoria cercana ás 60 pezas de distintas metraxes.

Entre elas destaca a serie experimental Superfícies, aínda non completada, para a que Pagán filmou a peza Forgoselo. (granito) aproveitando a súa participación no primeiro Chanfaina lab, en setembro de 2014.

Este sábado regresará a San Sadurniño para recoller o premio “Bernardino de Lamas”, que busca recoñecer o labor de persoas comprometidas coa creación audiovisual amadora, “valorando de xeito especial a relación das obras filmadas coa promoción da natureza, a antropoloxía e a paisaxe de Galicia”, segundo apunta o xurado, que estará integrado polas persoas que formen parte da “cociña” organizadora de cada edición do Chanfaina lab.

Neste sentido, Pagán será o primeiro en recibir a figura feita con plana de maínzo coa que se representa ao articulista, activista cultural e galeguista Alfonso Piñón Teixido (nome real de Bernardino de Lamas) cos seus elementos característicos: botas de andar -Piñón foi precursor do sendeirismo en Galicia e un dos promotores do Monumento ao Camiñante descoñecido en Fene-, maletín con bandoleira, sombreiro de palla e unha cámara de cine Pathè Baby coa que Bernardino de Lamas filmou case 300 películas por toda Galicia, das que hoxe se conservan arredor de 90 rolos de grande valor histórico e etnográfico.

Coma Alfonso Teixido, e nunha liña creativa similar á que propón cada ano o Chanfaina lab, a obra de Alberte Pagán “procura unha reflexión militante e antiacademicista sobre a paisaxe e o conflito social, político ou ecolóxico, tanto en Galicia como no resto do mundo”, analiza o profesor Manolo González, engadindo deseguido que para o Chanfaina lab “é un orgullo recoñecer o talento dun dos máis sobranceiros creadores non profesionais do país”.

A gala empeza ás 17:30h
A gala conducida polo actor Fran Nogueira -Saudade de ti, A Lei de Santos, La Unidad, Fatum…- comezará na Casa da Cultura a iso das 17:30h dándolle a benvida ao público e ás realizadoras e realizadores participantes nesta edición, que irán subindo ao escenario para presentar cadansúa peza e recibiren a “Lola Chanfaineira” que o Chanfaina lab entrega como agasallo desde os seus comezos.

Este ano proxectaranse 24 curtametraxes producidas por Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Cruz Piñón, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xosé Antón Bocixa / Mónika Chorén, Kevin lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata-Girau e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha horta, The Sun Girls.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o X Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o xerente do Agadic, Jacobo Sutil, e o director …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *