O Concello das Pontes repartirá 7.275 euros en premios na cabalgata de Entroido 2025 que se celebrará o martes, 4 de marzo, a partir das 17:00 horas. Nesta ocasión, o Concello das Pontes premiará cinco categorías: infantil, persoas adultas grupos, centros educativos e carrozas. As persoas participantes só poderán inscribirse nunha única categoría.
![](https://galiciaartabra.es/wp-content/uploads/2025/02/As-Pontes-Cabalgata-Entroido-2024.jpg)
No caso da categoría infantil haberá dúas subcategorías en base á idade das persoas participantes. Na subcategoría meniños (nenos e nenas menores de 6 anos) repartiranse 20 premios de 25 euros mentres que na categoría infantil (de 6 a 14 anos) haberá dous premios de 50 euros ao mellor disfrace individual e dous premios de 75 euros ás mellores parellas ou tríos.
Por outra banda, o Concello das Pontes repartirá un premio de 100 euros ao mellor disfrace individual na categoría de persoas adultas e un premio de 75 euros ao disfrace que ocupe o segundo posto. A mellor parella ou trío de persoas adultas recibirá un premio de 225 euros mentres que o disfrace que ocupe o segundo lugar levará un premio de 150 euros.
Na categoría de grupos, haberá dúas modalidades en función do número de persoas que integren a agrupación. Así, os grupos de máis de 10 persoas optarán a tres premios de 700, 600 e 500 euros mentres que, entre as agrupacións de ata 10 integrantes repartiranse tres premios de 500, 400, 300 euros, respectivamente.
Este ano, como novidade, o Concello das Pontes, crea a categoría “Centros Educativos” destinada a promover a participación de grupos, cun mínimo obrigatorio de 10 integrantes, vinculados aos distintos centros educativos do municipio e na que se valorará o traballo en grupo, o seu carácter interxeracional así como a participación colectiva. Haberá un premio de 400 euros para o mellor grupo, de 300 euros para o segundo clasificado e de 200 euros para o grupo que ocupe o terceiro lugar.
No caso das persoas que participen con carrozas (estruturas de grandes dimensión sobre rodas, autopropulsadas ou remolcadas, confeccionadas para a participación na cabalgata e convenientemente decorada) optarán a tres premios de 850, 677 e 550 euros.
Todas as persoas interesadas en participar no desfile de disfraces poderán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, (cita previa nos teléfonos 667129389/667129380) ou ben a través da sede electrónica municipal, a partir do mércores, 12 de febreiro ata o luns, 3 de marzo ás 12:00 horas.