Neste mes de febreiro chega á segunda parte do IX Chanfaina lab no que poderase ver as películas filmadas durante a primeira fin de semana do pasado mes de setembro. O encontro audiovisual nacido en 2014 tráenos este ano un total de 24 pezas que se estrearán na gala programada para este sábado 15 de febreiro a partir das 17:30 horas na Casa da Cultura de San Sadurniño.
Unha cita conducida polo actor Fran Nogueira que arrancará coas presentacións dos realizadores participantes para, deseguido, meterse na sesión contínua de proxeccións. Iso si, antes entregarase o premio “Bernardino de Lamas”, que bota a andar nesta edición como recoñecemento á traxectoria daquelas persoas que teñan demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual. O primeiro premiado será o realizador, escritor e profesor ourensán Alberte Pagán.
O premio toma o nome dun dos varios pseudónimos utilizados polo xornalista Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 – Madrid, 1973), quen ademais de articulista tamén foi escritor, membro do Partido Galeguista e amante da paisaxe, especialmente da do Val de Lamas. De aí que asinase moitos artigos como “Bernardino de Lamas”, aínda que tamén utilizou o alcume de “Luis de Narahío”.
Alfonso Piñón Teixido / Bernardino de Lamas foi tamén un grande promotor cultural -foi principal promotor do Monumento ao Camiñante descoñecido en Barallobre- e “cineísta” que filmou case 300 bobinas cinematográficas durante as viaxes que fixo por Galicia entre 1924 e 1935. Desa obra, pioneira do noso cinema, consérvanse 90 bobinas nas que se recollen excursións, procesións, romarías, etc., que hoxe teñen un grande valor patrimonial, etnográfico e histórico, tal e como asegura o profesor e promotor do Chanfaina lab Manolo González, autor da biografía de Piñón a piques de publicarse.
“Otero Pedrayo gabouno con admiración como patriota bo e xeneroso; o pintor Vicente Díaz cualificouno de sembrador único de humorismo y cultura e a prensa refírese a el sempre en clave laudatoria: culto galeguista, esclarecedor de incógnitas, As dos andariegos galegos, home dinámico por excelencia, gran persoa e xeneroso e solidario, etc. E cantos o trataron, como os seus amigos da bohemia progresista ferrolá, Felipe Bello, Xaime Quintanilla, Nicolas García Pereira, Vicente Díaz, Alejandro Porto Leis, Matías Usero ou García Niebla, deron fe da súa bonhomía e compromiso con Galicia ata 1936″, relata González.
Piñón Teixido é exemplo perfecto do cineasta amador que filmaba sen unha clara intencionalidade documental, senón máis ben coa de captar e conservar o momento para revivilo despois. A súa figura conecta por esta razón coa esencia do Chanfaina lab como encontro que foxe das estruturas e formas narrativas da industria, pero tamén pola súa vinculación con Lamas, o Pico de Ferreira e Naraío, que Piñón consideraba “o meu país de adopción”.
O Chanfaina lab institúe desde este ano o premio honorífico que leva o seu nome para recoñecer o labor dunha persoa viva que teña demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual como cineasta non profesional. Nesta primeira edición o premio entregaráselle ao escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán, (Carballiño 1965), pola súa prolífica traxectoria no ámbito do cinema experimental, “na que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios”, explican desde o xurado, integrado polo equipo de cociña do encontro audiovisual.
24 curtas
A maioría dos equipos participantes no IX Chanfaina lab xa entregaron as súas curtametraxes, aínda que tamén hai algúns que apuran até o último minuto o prazo de recepción das pezas dado pola organización, que finaliza esta mesma semana. Iso si, os títulos e duracións sábense desde hai tempo e, de novo, o programa das estreas do sábado 15 de febreiro -Casa da Cultura, 17:30 horas, entrada libre- partirase en dous pases: un que comezará sobre as 18:30 horas con 13 pezas e unha duración aproximada de 75 minutos, e outro a partir das 20:00 horas, tras un cuarto de hora de descanso, que rematará sobre as 21:00h ou quizais un chisco máis tarde.
Son 24 pezas en total producidas por Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Cruz Piñón; Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xosé Antón Bocixa / Mónika Chorén, Kevin lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Eva Lareo; Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata-Girau e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha horta, The Sun Girls.
Trala gala de estrea as curtas do Chanfaina lab irán reestreándose na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño a razón de dúas historias cada venres desde o 7 de marzo.
O Chanfaina lab é unha iniciativa de creación audiovisual colectiva promovida polo Concello de San Sadurniño co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.