Presentación de obras ó concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno en Fene

O Museo do Humor Xaquín Marín en Fene e Demo Editorial, empresa de referencia na edición de banda deseñada e novela gráfica en galego, volven unir as súas forzas para “achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”.
 
 
Baixo esta previsa, ámbalas dúas entidades convocan o III concurso de banda deseñada de humor Demo pequeno. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante) nas seguintes categorías: Infantil, para rapazada de 8 a 11 anos, ou Xuvenil, para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do domingo 18 de maio de 2025.
 
Os autores participantes deberán presentar unha única historia curta de banda deseñada (máximo 1 páxina) ou tira cómica, con enfoque humorísitico e temática: As bibliotecas como espazos fundamentais para a educación, a cultura, a inclusión, a información… nos que, ás veces, acontecen escenas hilarantes, que provocan risa”. Todo isto desde perspectiva do humor e da crítica».
 
A obra, que deberá ser inédita e orixinal, presentarase en papel ou cartolina en tamaño 297×210 mm (DIN-A4) ou 297×420 mm (DIN-A3). Todos os textos que se inclúan na bd ou tira cómica deberán estar redactados en galego aínda que tamén se poderán presentar traballos sen texto.
 
A obra poderá enviarse por correo postal a: “Museo do Humor Xaquín Marín. Avda. Conces, 20-22, 15500 Fene, A Coruña”. Acompañando á mesma, adxuntarase nun sobre pechado ou plica toda a información sobre o autor ou autora (datos especificados nas bases). Tamén se poderá enviar a obra escaneada por correo electrónico, en formato PDF, ao enderezo seguinte: museodohumor@gmail.comNeste caso, na mensaxe incluiranse dous arquivos: un titulado “obra” e outro, “plica”.
 
En canto aos premios, establécense os seguintes:
 
Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)

1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.

2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma.

Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)

1º Premio, dotado con 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma

2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma.

O xurado estará formado por Xulia Pisón Egea e Álvaro López Santos, autores de recoñecida traxectoria no ámbito da banda deseñada infantil e xuvenil; polo editor de Demo Editorial, Manel Craneo e pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos.

O fallo do xurado darase a coñecer o venres 20 de xuño a través da páxina web e/ou redes sociais de Demo Editorial, do Museo do Humor Xaquín Marín e dos medios de comunicación.

A entrega do premio terá lugar no prazo máximo dun mes desde a data de publicación do fallo do xurado, nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. E, segundo se establece nas bases, os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos), xunto cunha selección dos debuxos presentados ao concurso figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín ao longo do 2025 (datas pendentes de concretar).

Bases completas da convocatoria na web do Concello de Fene, Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial. Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com

 

Lea también

Se inaugura la exposición “Das Crebas”, de Xosé Luis López en el Ateneo Ferrolano

El Ateneo Ferrolano presenta la nueva exposición del artista gallego Xosé Luis López (Das Crebas), …