Narón conmemora o Día Internacional da muller e da nena na ciencia

O Día Internacional da muller e a nena na ciencia conmemórase cada 11 de febreiro. Con motivo desta efeméride a Biblioteca municipal de Narón acolle a actividade lúdica “Un día de experimentos” este venres día 7, ás 18:00 horas, tal e como avanzou a concelleira responsable da área, Olga Ameneiro.

A edil indicou que os nenos interesados en participar deberán ter os catro anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes.

As inscricións poden formalizarse dende este martes ás 16:00 horas de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura.

Os menores participantes terán a oportunidade de divertirse e descubrir que a ciencia está presente en moitos aspectos da nosa vida, explorando o papel das mulleres na ciencia e practicando algún experimento sinxelo co que aprender conceptos científicos básicos de xeito divertido.

Entre os obxectivos desta convocatoria está o feito de visibilizar o papel das mulleres neste ámbito e fomentar a vocación científica entre os nenos. A ciencia axuda a comprender mellor o mundo que nos rodea, estimula a nosa creatividade, contribúe a desenvolver habilidades para a resolución de conflitos, axúdanos a cuestionarnos a realidade e esperta a nosa capacidade de superar retos.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …