O BNG realizou unha visita á residencia de maiores de Caranza acompañados da presidenta e varias compañeiras da CIG do comité provincial da Consellaría de Política social.
A responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, o concelleiro e responsábel da localidade de Ferrol, Roberto Montero, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, achegáronse ata a cafetaría do centro sociocomunitario de Caranza para compartir un café e unha conversa cos representantes da CIG e máis con un importante grupo de traballadoras da residencia que a título particular tamén quixeron dar a súa opinión sobre os problemas existentes neste centro residencial.
No transcurso da conversa os representantes do BNG puideron constatar «que se repite o patrón de abandono por parte da Xunta das súas obrigas respeito das persoas maiores ou dependentes».
«Na comarca de Ferrol é ben coñecida a situación do CAPD Souto de Leixa, onde nin sequera se respeita a dignidade ou os dereitos humanos máis básicos das persoas residentes»»
Neste caso, as queixas do persoal de Caranza son de dous tipos. En primeiro lugar «sobre o estado do centro e das instalacións, que teñen 50 anos e nunca foron reformadas en profundidade. Tanto as habitacións, como os cuartos de baño, como os seus complementos están totalmente envellecidos e moi destragados. O mesmo pasa coas zonas comúns, como por exemplo o comedor. Pero o máis grave son as inundacións que se producen sempre que chove, algunhas en zonas de paso moi transitadas, polo que non só significan un deterioro importante da calidade de vida das persoas residentes senón que poden provocar caídas».
En segundo lugar o persoal quéixase «da excesiva carga de traballo e o ambiente tóxico provocado pola directora do centro».
«Como é común a outros centros o persoal é escaso e cando se producen baixas ou imprevistos as persoas que cobren as quendas de traballo vense completamente superadas».
«A isto hai que engadirlle que hai persoas residentes moi dependentes que non figuran como tales debido aos prazos da valoración da dependencia, o que significa un maior volume de traballo que non se ten en consideración, ou que persoas traballadoras con adaptación do posto de traballo computan para o rateo como outra calquera cando en realidade teñen limitacións».
«Estas situacións son continuas desde hai moito tempo, e non se resolven, polo que o nivel de esixencia e de tensión acumulada dun xeito tan prolongado produce esgotamento, frustración e ansiedade».
As queixas do persoal, tanto do comité de empresa como das persoas a título particular, «son contestadas por parte da directora do centro con represalias de diversa índole, desde chamadas de atención en público e de malos modos, con faltas de respecto, e mesmo coa apertura de expedientes disciplinarios».
«A sobre carga laboral e as represalias da dirección teñen desembocado nun conflito social e na petición, por parte do comité de empresa, do cesamento da directora».
O BNG demandará «a intervención inmediata da Xunta para resolver os problemas estruturais do centro, instalacións e carga de traballo, e sobre todo para o conflito social».