Este venres, 31 de xaneiro, a Alianza Aresana acolle a presentación de 21. Solamente, a última novela da escritora e poeta Raquel Villanueva Lorca (Ponferrada, 1970). A partir das 19:30 horas, a autora residente en Mugardos debullará as temáticas e o proceso creativo detrás desta historia publicada no selo editorial Loto Azul, en conversa co escritor e xornalista Pablo J. Rañales.
A novela de Villanueva afonda no día a día de Celia, unha muller ancián ingresada nun xeriátrico, poñendo especial énfase no que sinte e pensa e no modo de vida dentro do centro para persoas maiores. Un percorrido polas súas emocións caracterizado pola prosa poética e unha especial sensibilidade no tratamento da temática.
Con todo, 21.Solamente tamén formula preguntas fundamentais arredor de cuestións como a identidade individual, a perda, a invisibilidade das persoas maiores e a calidade dos seus coidados, axudando ao lector a poñerse na pel dalgún dos moitos anciáns que padecen a soidade non desexada en pleno século XXI.
Raquel Villanueva Lorca, auxiliar de enfermería e escritora, bebeu da súa experiencia laboral ligada a diversos xeriátricos para a creación desta última novela. Combina a súa traxectoria profesional no eido dos coidados coa escritura, con obras como La decisión de Elsa (2007), La cruz del sur (2015) ou La ecuación más bonita del mundo (2022). Tamén é membro do colectivo GAF e da Asociación Galega de Escritores (AGER).
O acto conta con entrada libre até completar aforo e poderanse adquirir exemplares da novela tras a súa finalización.