A Deputación da Coruña promociona o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía no Reino Unido. Unha delegación encabezada polo deputado responsable do Camiño, Antonio Leira, e o alcalde de Corcubión, Javier Domínguez, en representación da asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, acudiu esta semana a Londres para levar a cabo unha axenda de reunións clave na promoción dos camiños coruñeses.
A intención desta iniciativa é fomentar a presenza do Camiño de Santiago no mercado británico e, en concreto, das rutas da provincia. Neste sentido, a Deputación da Coruña pretende consolidar os camiños como referentes internacionais de turismo sostible, cultural e espiritual.
O pasado sábado, a delegación coruñesa presentou ambas as dúas variantes ante máis de 100 membros da Confraternity of St. James, unha entidade fundada no 1983 coa vocación de promover a peregrinación a Compostela.
Mentres, o luns a axenda arrincou cun encontro na Embaixada de España en Londres, onde os representantes coruñeses mantiveron unha reunión co embaixador de España no Reino Unido, José Pascual Marco, o ministro conselleiro de Asuntos Culturais e Científicos, e Jonathan Ruffer, fundador de The Auckland Project, unha destacada iniciativa cultural do noroeste de Inglaterra.
Neste primeiro encontro, Leira detallou aos seus interlocutores o extenso traballo da Deputación da Coruña en materia de conservación, mellora e promoción dos camiños xacobeos, ademais de concretar aspectos fundamentais sobre a colaboración estratéxica para impulsar a proxección internacional das rutas coruñesas. Tamén foron explorados novos xeitos de incrementar o volume de visitantes británicos, de xeito concreto en tempada baixa, e vías para desenvolver unha imaxe de marca asociada a destino único e sostible dentro de España.
Por outra banda, a delegación liderada por Antonio Leira tamén mantivo un encontro co viceconselleiro de Turismo no Reino Unido, Pedro Medina, e a xefa de Turismo de Turespaña no país, María Hernández. Nesa mesa de traballo, profundizáronse nas estratexias de promoción do Camiño no mercado británico para fortalecer a posición do Camiño no mercado turístico internacional.
Ademais, a delegación estendeu á Embaixada e á Consellería de Turismo unha invitación para participar na peregrinación simbólica organizada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Confraternity of St. James, prevista para o mes de maio. Este evento exercerá de marco para a inauguración da nova sinalización do tramo xacobeo entre Reading e Southampton, coa fin de consolidar o vínculo cultural e espiritual entre Galicia e o Reino Unido.
Para o deputado responsable do Camiño, Antonio Leira, as rutas inglesa e Fisterra-Muxía “representan unha oportunidade única para atraer turismo de calidade a Galicia”. “Son ideais para persoas que buscan experiencias culturais auténticas, non masificadas e cun profundo vínculo coa natureza e a historia”.
Pola súa parte, o alcalde de Corcubión, Javier Domínguez, quixo destacar a “relevancia” do Camiño Fisterra-Muxía, que “conduce á fin do mundo”. Neste sentido, manifestou a transcendencia de aproveitar os profundos lazos históricos que comparten Galicia e o Reino Unido como eixo para potenciar as peregrinacións de orixe británica.