Narón solicita a colaboración da Xunta para instalacións e infraestruturas deportivas

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, desprazáronse no mediodía deste mércores 29 a Santiago para reunirse co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e plantexarlle varios proxectos da cidade nesta área, co fin de acadar a colaboración da administración autonómica para a cofinanciación dos mesmos.

Unha das actuacións que a rexedora local puxo sobre a mesa foi a construción dun módulo cuberto de atletismo no estadio de Río Seco, unhas instalacións nas que nos últimos anos dende o Concello se realizaron importantes investimentos co fin de poder homologar as pistas.

A finais do pasado mes de xaneiro adxudicouse o proxecto de reforma das mesmas, unha actuación á que o Consistorio destinará algo máis de 130.000 euros. As obras a realizar afectarán á pista de atletismo e aos espazos destinados a probas de lanzamento de peso, de martillo e disco e ao peche perimetral das pistas de atletismo, segundo consta no proxecto. Nese mesmo complexo deportivo, trasladóuselle ao representante da administración autonómica o proxecto de ampliación dos vestiarios.

A maiores, Ferreiro informou tamén a Lete do proxecto do Concello de habilitar un espazo cuberto na zona de Xuvia para que os usuarios do Club de Piragüismo Narón poidan gardar as embarcacións. Unha actuación moi necesaria para esta entidade deportiva da cidade, comprometida dende o Consistorio e que supón tamén un importante investimento ás arcas municipais.

No transcurso da xuntanza abordáronse tamén outras actuacións previstas dende o goberno local nesa área, co fin de analizar a viabilidade de contar coa colaboración da Xunta de Galicia para a súa materialización. Ferreiro valorou a cordialidade da xuntanza e a receptividade de Lete para escoitar as propostas formuladas dende o Consistorio.

“Queremos continuar mellorando e incrementando as infraestuturas e equipamentos deportivos da nosa cidade e por iso, ao igual que noutros concellos, consideramos que a Xunta tamén ten que implicarse cos nosos veciños”, recalcou a alcaldesa.

 

Lea también

IV Campionato de BTT resistencia Cidade de Narón

O edil de Deportes de Narón, Ibán Santalla, presentou este luns 27 xunto con Samuel …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *