Medio cento de persoas pasan a fase de actualización técnica para utilizar o novo equipamento do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.
A Fusquenlla acolleu recentemente as xornadas de formación práctica organizadas co obxectivo de coñecer o manexo do novo equipamento instalado no centro de transformación agroalimentaria. As sesións, dunha duración aproximada de cinco horas, centráronse principalmente na utilización da máquina autoclave, auténtico corazón da cociña co que agora se poderán esterilizar remesas maiores de conservas e mesmo diversificar as preparacións, ofrecendo as máximas garantías sanitarias.
Estas actividades formativas diríxense a persoas que xa fixeron con anterioridade algún dos cursos de capacitación que lles permiten acceder como usuarias ás instalacións situadas no recinto feiral de San Ramón, en Moeche.
Na Fusquenlla acaban de investirse 165.000 euros sufragados con achegas da Deputación da Coruña e con fondos do programa europeo Leader xestionado polo GDR comarcal Seitura 22. Esta contía dedicouse a equipar por completo a zona de extracción e envasado de produtos apícolas e, sobre todo, a axeitar a zona de elaboración de conservas con dúas finalidades: mellorar o proceso de produción e acadar a máxima seguridade alimentaria.
Entre os aparellos que se instalaron destacan unha nova trituradora para zumes, unha grande marmita para a cocción de cremas, unha pía para lavar e centrifugar verduras, a máquina deshidratadora para a desecación de vexetais, unha máquina de baleiro, unha dosificadora de precisión e, a raíña da cociña, unha grande autoclave que ocupou boa parte do plan formativo.
Este equipamento combina o vapor e as altas presións para acadar temperaturas controladas durante períodos de tempo determinados. Tal e como explica Carmen Caínzos -quen forma parte do grupo de traballo da Fusquenlla-, a autoclave supón un grande avance, xa que ata agora na Fusquenlla «só podiamos pasteurizar as conservas utilizando o forno, mentres que agora poderemos esterilizalas. Iso permitiranos facer novos preparados e traballar con máis produtos aos que non lles chega con pasteurizar, senón que fai falla esterilizalos para garantir totalmente a súa seguridade».
Nos cursos de cinco horas, persoal de Alserco (a empresa fabricante da autoclave) explicou as distintas configuracións do aparello dependendo dos preparados que se queiran tratar, atendendo non só á seguridade alimentaria senón tamén á seguridade das persoas que o manexan.
Aínda que os aspectos básicos da autoclave poden aprenderse rapidamente, outra cousa é sacarlle o partido óptimo, algo que requirirá «facer aínda moitas probas para ver tempos e temperaturas», explica Carmen Caínzos. Ela, que leva tempo elaborando na Fusquenlla coa marca «Ay! Carmen», e máis Sonia del Valle, que o fai baixo a denominación «Lúa de Dexo», son dúas das produtoras máis experimentadas do proxecto. Por iso, ademais de sacar adiante as súas elaboracións, tamén están volcadas co grupo de traballo creado para promover o funcionamento autoxestionado do centro e para ofrecerlle apoio a outras persoas usuarias.
A Fusquenlla naceu para facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores, compartindo ideas, técnicas e proxectos que melloren o posicionamento no mercado das súas elaboracións. Para poder producir no centro é necesario solicitalo formalmente a través dun formulario en liña onde se van recollendo todas as peticións, ás que logo se lles vai dando resposta nos cursos sucesivos que se organizan ao longo do ano.
Ademais de ter que superar o curso de formación -que capacita en cuestións como a hixiene, a trazabilidade alimentaria, a seguridade e o manexo do equipamento-, o uso das instalacións tamén está suxeito a un regulamento de funcionamento interno aprobado recentemente e aos prezos recollidos na ordenanza publicada polo Concello de Moeche.
O centro de transformación situado no recinto feiral de San Ramón é unha iniciativa de desenvolvemento promovida polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. A Fusquenlla está integrada na Rede Coworking PEL da Deputación da Coruña como espazo de apoio ao medio rural e centro de traballo colaborativo arredor do sector primario.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.