Ferrol en Común presenta unha moción para preservar as colonias felinas

O Grupo Municipal Ferrol en Común, ao abeiro do disposto nos artigos 40 e seguintes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta no Pleno da Corporación Municipal a moción para a dignificar o servizo de voluntariado adicado á preservación das colonias felinas.

Exposición de motivos

«Nos últimos anos o benestar animal, por fin, ocupa un lugar central nas políticas públicas, na lexislación e na conciencia social. O incremento dos animais de compañía, a maior concienciación da preservación da natureza e unha maior sensibilidade cara os seres vivos, fixeron que nos últimos anos, sobre o papel, se produciran avances significativos, partindo dunha lei histórica, coas súas luces e sombras pero histórica e gran punto de partido para o respecto e a convivencia como é a Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais».

«Na nosa comarca as políticas deste ámbito sempre pivotaron en torno á Mancomunidade e o servizo de recollida de animais vagabundos e abandonados no Refuxio de Mougá, que con escasos medios económicos fai unha labor plausible e digna, pero que por si soa non é suficiente para garantir a aplicación dunha lei de obrigado cumprimento e á que, por desgraza, o goberno local dá as costas en moitos aspectos, ninguneando as entidades,
voluntarias, cidadás a título particular que lle instan a protexer o benestar animal con accións concretas, máis alá das limitacións dun refuxio saturado, cuxas únicas funcións no seu regulamento, en relación coas colonias felinas son a atención veterinaria de gatos feridos e enfermos e as accións preventivas de esterilización, vacinación e desparasitación de gatos ferais».

«Estes dous aspectos que dende a concesionaria de Mougá se abordan con escasos recursos pola partida orzamentaria con que se dotou, non son, nin con moito, as únicas obrigas que, de competencia estritamente municipal, deben executarse dende o goberno local, que veñen explicitadas no Capítulo VI, artígo 39 da Lei 7/2023, onde expresamente se establecen as funcións da administración local, sendo entre outras»:

«Fomento da colaboración cidadá para o coidado dos gatos comunitarios»
«Establecer protocolos de actuación para colonias en ubicacións privadas»
«Campañas de formación e información».
«Mapeo e censo de gatos no termo municipal».
«Protocolo de xestión de conflitos veciñais, etc».

«Se observamos a nosa contorna, os concello veciños, dende a aprendizaxe e o respecto, dende a colaboración e a conciencia social, están a facer o seu traballo, así, en Fene o concello instalou casetas e comedeiros, en Mugardos o mesmo, en Narón existe sinalización de Colonias e carnet de voluntarias, en Ares proporciónaselle comida para gatos ás persoas voluntarias e en Cedeira, ademais de todo o anterior cedéuselles un local de titularidade municipal para actuacións de emerxencia».

«A falta de apoio para o control das colonias felinas ten como principal consecuencia a conflitividade social, a morte prematura e enfermidade de moitos animais, insalubridade e a reprodución incontrolada. A día de hoxe máis de 60 persoas dedican o seu tempo libre, sen nada a cambio para un maior coidado mutuo, das colonias e da cidade, sen ningún tipo de respaldo municipal, que se escuda na mancomunidade, cun refuxio, como xa quedou explicado, con funcións moi delimitadas que nada teñen que ver co que se solicita».

«A Directriz Técnica da Dirección Xeral dos Dereitos dos Animais sobre Xestión de Poboacións Felinas, publicado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, revisada en agosto de 2024, debera ser a folla de ruta que este concello debera seguir, formación, información, plans de dotación e seguimento, mediación e vixiancia os pasos a dar».

«Por iso, dende esta moción, tratamos de baixar ao concreto, partindo da base da necesidade dun orzamento concreto que abranga todo o solicitado, porque as declaracións de intencións non bastan se non hai medidas concretas, recursos económicos e persoal asignado a levar adiante estas propostas, que son de mínimos e como un primeiro paso»:

«Establecer unha campaña de formación e información á cidadanía e persoal municipal implicado sobre o que representan as colonias felinas, cun censo das existentes e regulación para a apertura de novas colonias controladas».

«Identificación do persoal voluntario cun carnet identificativo, que vaia máis alá da exhibición dun decreto en folio A4, o cal prevén conflitividade social, visibiliza o seu traballo e dignifica a labor que fan».

«Sinalización das colonias, coas obrigas cidadás, informando das prohibicións e sancións recollidas na lei se non se atende o prescrito».

«Dotar unha partida para a alimentación das colonias felinas, gasto soportado a día de hoxe polo voluntariado, e que ademais son subvencionables dende o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 ou da Consellería do medio rural».

«Establecer un protocolo de emerxencia no que actúen Policía Local e Bombeiros de Ferrol, con especial incidencia na resolución de conflitos veciñais».

«Cesión dun local municipal para as actuacións de emerxencia que sexan precisas en relación cos gatos ferais, xa sexa por feridas ou por enfermidade, xa que a día de hoxe teñen que ir ao domicilio particular das persoas voluntarias».

«Continuación da aplicación do método CER como único método respectuoso coa natureza dos gatos para controlar as colonias felinas conforme ás directrices de Benestar Animal».

Lea también

Ferrol recuerda a las víctimas del Holocausto

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado del concejal de Cultura, José Antonio …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *