San Sadurniño restaura o lavadoiro do Regueiro, en Ferreira

A Administración local ten solicitada unha axuda do IET para a redución de impactos paisaxísticos.

Os lavadoiros foron noutro tempo elementos fundamentais para a vida diaria, ademais de espazos de encontro e sororidade. Hoxe fican en desuso, aínda que non esquecidos, xa que son parte do noso patrimonio arquitectónico civil, os de San Sadurniño datan de finais dos anos 50 do século pasado, e por iso deben ser conservados e postos en valor como mellor se poida.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño procura ter en bo estado as 13 fontes e lavadoiros públicos que hai repartidos polo territorio e por iso cada certo tempo acomete rehabilitacións integrais, como ocorreu no seu día co da Agra de Arriba, co do Albeiro ou coa fonte do Santo, no Camiño Arriba. O seguinte que vai ser restaurado será o lavadoiro do Regueiro, en Ferreira de abaixo, cun investimento previsto de algo máis de 28.000 euros, impostos incluidos.

O lavadoiro está situado á beira da estrada provincial DP-7601, ao pé do rego que divide os lugares da Senra e a Castiñeira, en Ferreira. É unha construción duns 6 metros de longo por 5,5 de ancho feita con ladrillo recebado e cuberta con fibrocemento (a uralita de toda a vida), sostida sobre trabes de madeira.

Era o mellor e máis moderno que había a finais dos anos cincuenta e a opción construtiva que daquela se considerou máis axeitada para acondicionar lavadoiros moito máis antigos, como é o caso do do Regueiro. Na súa pía central -onde se pode lavar por tres dos lados- aínda se conservan dúas grandes pezas de cantaría en toelo e, ademais, no chan aínda hai varios pasos feitos con grandes lousóns que permiten acceder ao recinto e traballar nel sen medo a mollar os pés.

O obxectivo principal do proxecto municipal é rehabilitar toda a construción conservando a estrutura, ao tempo que se mellora a súa integración na paisaxe, respectando os valores arquitectónicos  e garantindo unha correcta integración no entorno.  A actuación aplicará os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia, en congruencia co Catálogo das paisaxes de Galicia , ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa sectorial e urbanistica aplicable.

Para acadar este obxectivo, a memoria valorada explica que se retirarán as placas de fibrocemento para substituilas por unha nova cuberta de tella na parte superior e madeira na inferior, axeitándose así aos materiais tradicionais desta parte do país. Tamén se inclúe mellorar o chan do lavadoiro do Regueiro, evitando o seu enchoupamento e facilitando que sexa máis accesible para quen queira visitalo.

En resume, tal e como se recolle na memoria da intervencion proponse «unha mellora do lavadoiro acorde ás características da arquitectura tradicional recuperando elementos orixinais como as lousas que forman as pedras de lavar e outras que puidesen aparecer durante os traballos, respectando a fonte existente».

O investimento necesario está cuantificado polo Concello en 28.571,43 euros, incluindo neste importe os custes da obra, o do proxecto e os impostos correspondentes. Para financiar esta contía, polo menos nunha parte, o consistorio solicitou acollerse á liña de axudas convocada a finais de ano polo Instituto de Estudos do Territorio co obxectivo de reducir o impacto paisaxístico de construcións vellas ou en mal estado de titularidade municipal. A achega cubriría o 70% do total.

Lea también

Neda avanza las propuestas de mejora del actual sistema de abastecimiento de agua formuladas por Viaqua

El alcalde de Neda, Ángel Alvariño, se reunía este viernes en la Casa Consistorial con …