O Punto Limpo Vilar do Colo, abre ó público en Fene tras máis dunha década de espera

O proxecto culmina unha longa traxectoria de traballo conxunto entre os tres municipios.

O Punto de Vilar do Colo abre as súas portas ao público este luns 20 de xaneiro. Un servizo que marcará un antes e un despois na xestión de residuos para os concellos de Fene, Ares e Cabanas. Esta apertura, cualificada como “un feito histórico” polos rexedores dos tres concellos, culmina unha longa traxectoria que comezou coa construción das instalacións en 2013 e que, tras numerosos obstáculos administrativos, recibe agora o pulo definitivo coa autorización da Xunta de Galiza que posibilita a súa apertura.

Nun encontro celebrado nas instalacións do Punto Limpo, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, os seus homólogos de Ares e Cabanas, Julio Iglesias e Fernando Couce, e a delegada da Xunta de Galiza en Ferrol, Martina Aneiros, coincidiron en destacar a relevancia deste día. “É un momento histórico para os nosos concellos. Por fin poñemos a disposición da veciñanza unhas instalacións modernas, pensadas para a xestión de residuos e contribuír á contribución do medio ambiente”, subliñou Trigo.

O Punto Limpo, que estará xestionado inicialmente pola empresa COREGAL, funcionará de luns a venres de 16 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas. O obxectivo principal é facilitar o tratamento axeitado para refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais, como voluminosos, aparellos electrónicos ou residuos especiais.

Na visita ás instalacións tamén participaron as concelleiras fenesas de medio ambiente, María del Carmen Martínez; servizos, Sandra Permuy; e obras, Manuel Polo. Martínez sinalou que  “a posta en marcha deste servizo contribuirá a resolver problemas históricos, como os verquedoiros incontrolados ou o uso indebido de colectores convencionais, á vez que permitirá reducir a dependencia da Mancomunidade para o tratamento de residuos voluminosos”.

Ademais, o Punto Limpo inclúe a posta en marcha dun espazo de economía circular, onde a veciñanza poderá reparar ou intercambiar enseres e aparellos aos que aínda lles quede vida útil. “Queremos fomentar a reutilización e o aproveitamento máximo dos recursos, contribuíndo á sustentabilidade”, explicou Sandra Permuy.

A construción do Punto Limpo de Vilar do Colo rematou en 2013 con investimento de preto de 241.000 euros, financiados a través do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020. Desde entón, o proxecto afrontou numerosas dificultades, como a complexidade de artellar un sistema de xestión compartido entre varios concellos e os procesos de licitación. Finalmente, no 2021 asinouse o convenio entre Fene, Ares e Cabanas, que permitiu desbloquear a situación.

“Foi un camiño longo e cheo de retos, pero hoxe vemos os froitos deste esforzo conxunto. Este Punto Limpo non só mellorará a xestión dos residuos, senón que reforza a colaboración municipal como modelo de éxito”, destacou o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

Con esta apertura, os tres concellos dan un paso decisivo cara a unha xestión sostíbel e eficiente dos residuos, reforzando o seu compromiso coa protección do medio ambiente e o benestar da veciñanza.

Lea también

El C.C.R.D. Perlío celebra la III Festa do Caldo: Gastronomía y tradición en un evento único

El próximo domingo, 26 de enero de 2025, a las 14:30 horas, el C.C.R.D. Perlío-en Fene- invita …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *