San Sadurniño licita por segunda vez a rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita

Dous anos e medio despois de facelo por primeira vez, o Concello de San Sadurniño acaba de volver licitar as obras de rehabilitación da antiga escola da Torre, en Igrexafeita, co obxectivo de convertela nun centro sociocomunitario.

Desta maneira retómase un proxecto que estivo paralizado desde comezos do 2023 por mor do incumprimento do contrato por parte da empresa que inicialmente resultou adxudicataria dos traballos. O novo período para presentar ofertas publicouse este mércores na Plataforma de Contratación co Sector Público e permanecerá aberto até as 23:59h do próximo 5 de febreiro. Os pregos técnicos e o prezo de saída son os mesmos que en 2022: cerca de 300.000 euros, impostos incluídos, que se custearán nun 80% cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña

O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, deixou de funcionar como escola hai xa 30 anos. A principios dos 90 saíron de alí os últimos nenos e nenas da parroquia que mantiñan activo o grupo escolar, que logo sería empregado durante algún tempo pola A.VV. Adiante como local de reunión e espazo de distintas actividades.

Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada. Trátase dunha edificación de 250 metros cadrados divididos en dous andares. No baixo hai na actualidade dúas grandes aulas, mentres que no superior se encontraban as dúas vivendas para o profesorado.

O proxecto deseñado pola arquitecta municipal describe unhas obras de rehabilitación integral co obxectivo de axeitar a escola a un uso sociocomunitario. Os traballos non modificarán a estrutura e consistirán no cambio da envolvente e das fiestras para acadar mellores condicións de illamento térmico, ademais de renovar o interior para que os espazos sexan funcionais e acolledores.

Ademais o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e cun sistema de iluminación led. O pintado, o cambio das carpintarías e a colocación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.

Toda a intervención está enfocada a unha finalidade sociocomunitaria, no sentido de que o edificio poida recuperar a súa función como espazo de xuntanza veciñal para o desenvolvemento de distintas actividades, sobre todo as relacionadas co apoio a persoas con deterioramentos cognitivos incipientes e ás súas familias.

«A zona rural da nosa comarca precisa lugares para o encontro veciñal que estean adaptados á realidade demográfica que temos e as súas necesidades. Pretendemos que este centro sexa punto de encontro para a veciñanza e tamén un referente nas actividades de prevención, abordaxe e acompañamento familiar das persoas que presenten deterioramento cognitivo», explica o alcalde, Secundino García Casal. «Por motivos alleos ao Concello, este proxecto pioneiro e moi ilusionante para nós viuse retrasado case dous anos. Confiamos en que esta nova licitación das obras sirva para darlle o pulo definitivo e poder poñelo en marcha o antes posible», engade.

As construtoras interesadas en presentar ofertas -sobre un prezo de saída de 299.850,69€, IVE incluído, e un prazo máximo de execución de tres meses- teñen ata as 23:59h do día 5 de febreiro. Os pregos e outra documentación poden descargarse desde esta ligazón.

Lea también

Cabanas adjudica la gestión del Punto de Atención de la Infancia

El Concello de Cabanas informa que licitó y adjudicó el servicio de gestión y atención …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *