“É o momento de que o Goberno local do Partido Popular demostre o seu compromiso cun Ferrol máis verde e habitable”, Ángel Mato, voceiro socialista.
O Grupo Municipal Socialista insta ao goberno municipal «a desenvolver unha proposta integral e ambiciosa que transforme a interconexión entre As Pías (Parque urbano 16), o Montón (Zona Verde 7) e o Paseo Marítimo de Caranza nun corredor verde sostible».
«O proxecto contempla a creación dun corredor ecolóxico que conecte As Pías co Xardín Botánico do Montón e o Paseo Marítimo de Caranza. Este eixo funcional incluirá carrís bici, sendeiros accesibles e zonas verdes intermedias que facilitarán a mobilidade sostible e fomentarán hábitos de vida saudables».
«Este corredor será un elemento vertebrador para unir diferentes barrios, permitindo unha conexión fluída entre as principais zonas naturais da cidade. Ademais, este corredor promoverá actividades ao aire libre como paseos, ciclismo e eventos culturais, fortalecendo a cohesión social e dinamizando o atractivo turístico da cidade. A súa execución tamén axudará a reducir o impacto ambiental do transporte privado e contribuírá á loita contra o cambio climático».
Dentro deste proxecto, o Grupo Socialista «considera prioritaria a recuperación integral do Parque Botánico do Montón, incluíndo as parcelas aledañas». «Este espazo, único pola súa colección de especies botánicas e o seu potencial como centro de educación ambiental, representa unha oportunidade para converter Ferrol nun referente de biodiversidade e sensibilización ambiental. A posta a punto do parque incluiría melloras na infraestrutura, recuperación de especies autóctonas, sendeiros, sinalización e áreas de lecer, co obxectivo de facelo accesible e atractivo para todos os públicos».
As obras en curso en As Pías: un punto de partida clave
«As actuais obras de humanización en As Pías, que xa inclúen a creación dun bulevar con carril bici e zonas de lecer, servirán como base para este ambicioso proxecto. Este novo bulevar permitirá conectar de maneira eficiente o corredor verde co centro da cidade, converténdoo nun eixo fundamental para a cohesión urbana e a mobilidade sostible».
«O proxecto non só busca mellorar o entorno natural, senón tamén xerar un impacto positivo na vida social e económica da cidade. A integración de zonas verdes e infraestrutura sostible fomentará a convivencia cidadá, aumentará o valor turístico de Ferrol e promoverá a creación de emprego local durante a execución e mantemento das melloras. Ademais, contribuirá a posicionar a cidade como un referente de boas prácticas ambientais e urbanísticas».
“Queremos un Ferrol que mire cara ao futuro con confianza, onde a recuperación dos espazos naturais e a mellora da calidade de vida sexan prioridade”, afirmou Ángel Mato, voceiro socialista. «Este proxecto non só mellorará o entorno natural da cidade, senón que tamén xerará beneficios sociais e económicos, potenciando o turismo e creando emprego local».
O Grupo Municipal Socialista considera imprescindible que «o goberno municipal aborde os parques urbanos previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á entrada da Avenida de As Pías. Estas áreas verdes son esenciais para completar o proxecto de humanización que o Goberno de España xa está a desenvolver en As Pías, asegurando unha transformación integral que beneficie tanto á cidadanía como ao medio ambiente».
O Grupo Municipal Socialista insta ao Concello «a liderar esta iniciativa, buscar financiamento e traballar conxuntamente con outras administracións para facer realidade este proxecto, transformando Ferrol nun referente de sostibilidade, cohesión social e calidade de vida».