Pontedeume recibe subvención do goberno central para rehabilitar o Torreón de Andrade

O Concello de Pontedeume recibirá unha subvención de 273.386,75€ do Goberno estatal para a restauración da cuberta e a rehabilitación integral do Torreón dos Andrade.

Esta contía representa o 75% do custo total da obra, de 364.515,67 euros. Os 91.128,92 euros restantes serán aportados polo propio Concello de Pontedeume.

Trátase dunha axuda impulsada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para a conservación ou enriquecemento do patrimonio histórico español. Encádrase no Programa 2% Cultural.

Na resolución provisional da axuda, o Torreón dos Andrade de Pontedeume é un dos catro monumentos que recibirán a axuda en Galicia. Completan a lista a torre do reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, o arquivo da Catedral de Tui e o xardín botánico de Caldas de Reis.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, agradece ao Goberno de España «o seu compromiso con Pontedeume e con Galicia, que se demostra unha vez máis con esta axuda para preservar o noso patrimonio». Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Ángela Piñeiro Carrera, destaca que «esta actuación permitirá garantir que o Torreón dos Andrade, un dos nosos bens culturais máis prezados e recoñecido no conxunto do Estado, siga a estar en perfectas condicións de conservación»

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …