Este sábado 28 celebraráse un novo evento – o último deste ano- dentro dos que o CIRS (Centro Instrutivo, Recreativo e Social) de Cervás estivo a realizar en conmemoración do centenario de fundación da entidade, en 1924. Neste caso, coa reunión das persoas que formaran parte do coro infantil “Aires de ledicia” que se fundara no ano 1987 -canda a revitalización do CIRS – e que se mantivera en activo ata o 1996.
Perto de trinta nenos da parroquia (acompáñase foto dunha actuación no 1993) formaron parte dunha singular experiencia musical que arrufou numerosos actos na comarca; e que agora revivirán aquela experiencia, 28 anos despois, recreando temas que interpretaron daquela; como lembranza e contributo á celebración do Centenario da sociedade da que o coro formaba parte.
En paralelo á actuación – que terá lugar o sábado 28 a partir das 19 horas no local do CIRS- desde o pasado 21 fica no local da entidade unha exposición retrospetiva do coro; na que figuran fotos, instrumentos e outros obxectos relacionados coa actividade da formación musical.