Co título “O Cal, espazo natural. Un proxecto de conservación persoal e totalmente transferible”, a delegación de Ferrol da SGHN ofrece dentro do seu ciclo “Xuntanzas naturalistas”, unha conferencia que versa sobre a recuperación, por parte dun particular, dun espazo natural protexido.
Esta conferencia, de acceso libre e con aforo limitado, está patrocinada pola Deputación da Coruña e será ás 19:30 horas do vindeiro venres 20 no auditorio do Museo de Historia Natural en Ferrol.
O Cal é un espazo natural no que Álvaro Barros, o seu propietario, fixou o seu proxecto como biólogo e conservacionista hai case vinte anos, en contraprestación á eucaliptización do monte e á perda de biodiversidade que isto conleva. A súa pretensión é tamén a de loitar contra o abandono dos usos tradicionais do monte.
Álvaro Barros é doutor en Bioloxía, ecoloxista, labrego e veciño de San Sadurniño. Está especializado na bioloxía da conservación particularmente de aves mariñas, traballando nos últimos vinte anos en distintos proxectos dirixidos á conservación de especies ameazadas a nivel galego e estatal. Nos últimos anos estase a adicar a experimentar medidas para reducir a captura accidental de aves mariñas nas diferentes artes de pesca.